SÓ RECUPEROU 10,2 MILLÓNS

Mosquera alerta de que o PP tivo que anular partidas de anos anteriores para o Museo e Santa Clara por valor de 17 millóns de euros por estar caducadas

Grupo BNG Deputación
Grupo BNG Deputación
Mosquera alerta de que o PP tivo que anular partidas de anos anteriores para o Museo e Santa Clara por valor de 17 millóns de euros por estar caducadas

Pontevedra, 27 de febreiro de 2026. O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, alertou hoxe de que o Partido Popular tivo que anular partidas orzamentarias aprobadas durante o bipartito para o Museo e Santa Clara por valor de 17 millóns de euros por estar caducadas e non ter sido utilizadas para ningún fin. Fronte a isto, o nacionalista revelou que a Deputación apenas vén de recuperar 10,2 millóns de euros para o mesmo fin na modificación de crédito aprobada hoxe no Pleno, deixando polo camiño case que sete millóns. “Sácanse 17 e métense 10. Isto non é máis que a constatación en termos contables da parálise absoluta na xestión sobre Santa Clara e os edificios do Museo” por parte do vicepresidente Domínguez, denunciou. 

Mosquera subliñou que resulta positivo que a Deputación incorpore hoxe 10,25 millóns de euros (dos 53 millóns de euros dispoñibles de remanentes) ao orzamento de 2026 para destinalos aos edificios do Museo. Con todo, sinalou que a realidade é que na liquidación e peche do orzamento de 2025 tiveron que anularse partidas por 17 millóns de exercicios anteriores (2021, 2022, e 2023) que se foran incorporando de maneira sucesiva para os edificios centrais e para a rehabilitación do convento, proxectos todos que quedaron paralizados.

“Fixeron vostedes un axuste contable tarde, mal e arrastras”, destacou o voceiro do Bloque, subliñando que, en calquera caso, a Deputación non ten previsión de utilizar eses cartos para o seu fin último, xa que non  hai posibilidade de licitar nin adxudicar ningún tipo de obras nin no Museo nin en Santa Clara. Mosquera insistiu en que a parálise dos proxectos é “absoluta”, xa que nos últimos 30 meses non se fixo nada salvo “dar pasos atrás” ou facer pequenos recados. “Non hai un cronograma nin se moven os papeis para facer as cousas ben”, advertiu. 

O voceiro do Bloque subliñou que a situación “é moi preocupante” e dixo que “non foi porque non se avisara e non se ofrecera toda a colaboración e información para que a xestión fose máis áxil”.  Mosquera afeou ao Partido Popular que, salvo polas declaracións públicas do goberno da Deputación asegurando ter interese en sacar as rehabilitacións adiante,  “teñen o comportamento típico de quen non quere facer nada (...). Non sei que é mellor ou peor”. 

A pesares da crítica sobre a falta de xestión, e de que na realidade se perderon sete millóns de euros polo camiño, ademais dos tres de subvención do PIREP, o BNG abstívose na votación sobre a modificación de crédito. 

SAF- Temporais- Ágora

O debate no Pleno da Corporación continuou coa esixencia do PP ao goberno do Estado de máis financiamento para o SAF. Dende a bancada nacionalista, a deputada Manuela Rodríguez subliñou a necesidade de non quedar aí, senón de reclamar tamén á Xunta o incremento progresivo do financiamento de maneira retroactiva no 2025 e no 2026 e de chegar a cubrir ao 100% dos custes do servizo no 2027, así como de cambiar o SAF deixando atrás o modelo por horas e aplicando outro tipo ‘Sergas dos servizos sociais’ no que se promovan atencións individualizadas en función das casuísticas concretas de cada un dos concellos. O PP, con todo, e a pesar que o financiamento para os municipios é insuficiente, desoíu a proposta nacionalista aplicando o seu rodete. 

Por outra banda, o voceiro César Mosquera puxo en evidencia que a Deputación ten fondos dos remanentes dispoñibles para realizar unha liña de axudas e paliar os danos dos temporais nos concellos da provincia. “Tiñan 53 millóns de remanentes, hoxe usan máis de 12. Aínda lle quedan 40 millóns. Teñen cartos, pódenos usar, poden facer unhas bases cómodas para facer fronte as consecuencias dos temporais. Quérese facer? O resto é literatura barroca e complicar as cousas”, subliñou, afeando tamén a negativa do Partido Popular á demanda. 

Finalmente, Mosquera lamentou que o actual goberno do PP suprimise o Plan Ágora, que atendía problemas de seguranza viaria tanto nas estradas provinciais como axudando aos concellos no deseño e execución de obras no ámbito municipal. 

Mosquera alerta de que o PP tivo que anular partidas de anos anteriores para o Museo e Santa Clara por valor de 17 millóns de euros por estar caducadas