"Moraña Escoita": unha iniciativa do BNG para mellorar a atención ás persoas maiores

moraña-rubén
Rubén Fernández, responsable do BNG en Moraña
"Moraña Escoita": unha iniciativa do BNG para mellorar a atención ás persoas maiores

O BNG vén de rexistrar unha moción presentando a iniciativa denominada como Moraña Escoita, unha proposta de atención a persoas maiores que parte, en palabras do responsábel local do BNG, Rubén Fernández, “de comprobar como o noso concello conta en 2020 con máis de 1000 veciñas/os maiores de 65 anos cunha porcentaxe importante delas e deles que viven sós e que precisan, ademais dos recursos existentes, unha maior atención e dispoñibilidade dos recursos municipais para mellorar as súas condicións de vida” 

O concelleiro do grupo municipal explica que a proposta denominada Moraña Escoita “complementa outros servizos existentes en Moraña e céntrase no seguimento e acompañamento para a atención das persoas maiores do noso concello que viven soas nos seus fogares”. Rubén Fernández asegura que “a iniciativa está pensada para previr situacións de illamento, soidade e risco para o benestar integral das persoas maiores que residen soas, pretendendo pois encher un baleiro naquelas casas nas que se detecte a necesidade de acompañar, comunicar, seguir e preguntar, en definitiva, axudar a persoas maiores que residen soas no que precisen, axudando a paliar así posibles situacións de illamento, soidade, procesos depresivos ou outros contratempos puntuais, e polo tanto, risco para o seu benestar nun servizo que dende o BNG cremos que tería que ser gratuíto para todas as persoas maiores de 65 anos podendo acceder tamén a partir dos 60 se se dan problemas de saúde ou autonomía e sempre tras o estudo a valoración preceptiva de cada caso por parte dos profesionais dos Servizos Sociais do Concello ”.  

Rubén Fernández agarda que esta iniciativa do BNG sexa estudada, debatida e aprobada no pleno municipal por todos os grupos municipais, pois “pensamos que é unha iniciativa positiva e necesaria, que non custaría un volume elevado de traballo ao Concello, que pensamos que ten recursos suficientes para poñer en marcha xa durante este ano 2020 este programa social, por iso pedimos a todos os grupos municipais, en especial ao Partido Popular, que esqueza as siglas e acepte estudar de xeito obxectivo e transparente esta proposta”. 

"Moraña Escoita": unha iniciativa do BNG para mellorar a atención ás persoas maiores