HOMENAXE A ERMINDA MIRAMONTES
O Memorial Ricardo Portela pon en valor o papel das mulleres na conservación e divulgación do noso patrimonio cultural
Pontevedra, 10 de xullo de 2025. Entre o 11 e o 13 de xullo, Pontevedra vivirá un dos eventos máis emblemáticos da música tradicional galega, e unha xoia do patrimonio cultural de Pontevedra, queeste ano chega á súa 26 edición: o Memorial Ricardo Portela.
Un evento que é un orgullo para Pontevedra, unha cidade acostumada a mirar ao mundo cos pés nas súas raíces e presumindo da súa cultura.
Este ano, o memorial homenaxeará a pandereteira e bailadora de Ponte Grixoa, Erminda Miramontes, nun acto que salienta a importancia das mulleres na conservación e divulgación do noso patrimonio cultural.
“Para o concello de Pontevedra é fundamental visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos, desde a visibilización nas rúas, en programas como Con voz de muller ou dándolle entrada e protagonismo nas distintas programacións”, afirmou Eva Vilaverde, que agradeceu o traballo da Asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas, polo seu papel na recuperación da música tradicional, por traballar para difundir as persoas que son referentes na música tradicional e por seguir contando co concello de Pontevedra para organizar un evento tan importante como o memorial Ricardo Portela.
Erminda Miramontes
A persoa homenaxeada este ano, Erminda Miramontes, natural de Ponte Grixoa, foi pandeireteira e bailadora. Pola súa casa pasaron compiladores de todos os lugares do noso país pois sempre recibiu no seu fogar, a todo aquel que se achegara a preguntarlle algunha melodía das de antes, das que se tocaban nas Foliadas de Grixoa, xuntanzas onde cantar e bailar e grazas ás que chegaron a nós multitude de melodías e cantigas.
Entre as pezas que atesouraba Erminda estaban moitas das que escoitou de nena e de moza, ao seu pai, nas foliadas, no campo, pero tamén recordaba, que algunhas as aprendera duns canteiros que foran arranxar a igrexa de Grixoa que eran da Terra de Soutelo de Montes. Deles aprendeu unha das coplas máis coñecidas das que recordaba e que interpretou xunto con Leilía no primeiro albúm do grupo; a “Xota de Soutelo de Montes”.
Programa
Mostra de Artesáns e instrumentos artesanais.
A mostra abrirá as súas portas o venres 11 ás 17.00 h. no Paseo de Odriozola, espazo no que permanecerá até o domingo 13 en horarios de 11.30 a 14.00 h. e de 17.30 a 21.30 h.
Pasarrúas
os pasarrúas polas prazas e rúas de Pontevedra arrancarán o venres 11 ás 17.30 h. con Berros do Castro, Gaiteiros das Rías Baixas e Lubicáns. O sábado arrancarán ás 11.30 h. e se extenderán até as 18.00 h. con Ansuíña, As Fabulosas da Baña, Erdeiros dos Morenos de Lavadores e Tribo. O domingo, no mesmo horario, será o turno de Gaiteiras do Berce, Gaiteiros do Ulla, Lobeira e Os Mecos, de Ogrobe.
Concertos
Os concertos terán Lugar ás 21 h. na praza da Ferraría. O venres actuará Pan sen Fron, o sábado actuará Mediarea (este concerto comezará ás 21.15 h.) e rematará o domingo con Cantometrics.
Homenaxe a Erminda Miramontes
A homenaxe a Erminda Miramontes terá lugar o sábado 12 ás 21 h. na praza da Ferraría