As meigas, protagonistas da XIV edición da Feira Franca
Pontevedra, 2 de setembro de 2025. Pontevedra está a punto de viaxar varios séculos no tempo. A Feira Franca, cita ineludíbel do verán pontevedrés e considerada festa de interese turístico galego, celebrarase esta fin de semana, entre o 5 e o 6 de setembro.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, explicou este martes, 2 de setembro, que os preparativos están “moi, moi avanzados”, beneficiándose de dous días adicionais de organización que permitiron axilizar multitude de tarefas. Gómez subliñou a “compoñente claramente feminista” das festas deste verán, manifestada nas pregoeiras, nas actividades realizadas e, agora, na elección das meigas, concibidas como mulleres que “nunca calaron e que ademais elas mesmas eran un xeito de rebelarse contra un patriarcado”.
A Feira Franca elévase como unha festa colectiva, con participación directa da cidadanía a todos os niveis. Este ano, incorporará algunhas novidades ornamentais a pé de rúa, como é o caso da rúa Serra, na que se cubrirá un edificio en mal estado. O programa completo xa está dispoñible na web municipal e, segundo o edil, contará con máis animación que noutras edicións, prometendo algún “pasarrúas que agardamos sexan sorprendentes”.
A Feira Franca arrincará oficialmente o venres ás 19:30h cos pregoeiros, que darán paso ao espectáculo de Pablo Méndez Producións, un evento que, como todos os de inicio, “só se poderá gozar ese día na Ferrería”.
Doutra banda, a cidade ten prevista a colocación dunhas 170 mesas para xantares e ceas, 100 postos de mercado, 55 postos de alimentación e unhas 100 posicións de hostalería. Gómez indicou que esta configuración está “practicamente no límite do que a feira franca pode asumir”, dada a complexidade de coordinar todos estes elementos cos espazos e vías de seguridade requiridas para bombeiros, extintores, ambulancias, equipos médicos, policía e protección civil. Aínda que as mesas se manterán nas mesmas zonas conxuntas, houbo algunha recolocación para optimizar o espazo. Os fitos tradicionais da feira, como os dous pases do torneo e o Desfile do Viño, mantéñense.
Cómpre sinalar que, debido ás mareas, as embarcacións tradicionais estarán situadas sobre a Ponte do Burgo en lugar de na auga, e aproveitarase este espazo para ofrecer animación infantil ao longo de todo o día na ponte.