SÁBADO 10 DE MAIO
Máis de 800 rapazas e rapaces participarán en Caldas no Campionato escolar de técnica, exhibición e ‘free style’ de taekwondo
Caldas, 5 de maio de 2025. Máis de 800 rapazas e rapaces da canteira do taekwondo galego reuniranse o vindeiro sábado no Pavillón Municipal de Caldas de Reis para participar no ‘Campionato Escolar provincial de técnica, exhibición e freestyle Xunta de Galiza’. Será unha proba na que se poderá ver en directo o mellor do futuro do taekwondo do país e que, en palabras do tenente de alcalde e responsable municipal de Deportes, Manuel Fariña, “converterá a nosa vila nun fervedoiro de deportistas, clubs e acompañantes”.
O pavillón caldense encherase de rapazada de entre cinco e 16 anos. Haberá 600 participantes na modalidade de técnica, 200 na de exhibición e 20 na de freestyle, con competicións que se celebrarán en función das categorías entre as 9 da mañá e as dúas da tarde e entre as catro e as oito e media da noite.
Segundo subliñou o tenente de alcalde, Manuel Fariña, o Concello de Caldas está a envorcarse na organización e apoio de todo tipo de eventos para converter a vila termal nun referente do deporte galego. “Temos claro que ter Caldas chea de promesas do taekwondo e de moita máis xente este sábado é moi positivo non só para poñer en valor o deporte, senón tamén polo impacto que ten na economía da vila”, subliñou o nacionalista, que lembrou que o pasado ano a vila xa acolleu o Campionato galego escolar de combate no que participaron máis de 700 rapazas e rapaces que estiveron acompañados de outras 2.000 persoas.