O saneamento completo da ría será imposíbel mentres ENCE estea aí
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsábel do Ciclo da auga, Raimundo González Carballo participaron esta mañá na terceira reunión con distintas administracións e representantes do sector extractivo da ría para abordar o saneamento integral da ría de Pontevedra.
Ao remate da reunión o alcalde explicou que “estas reunións son un pequeno avance”.
Indicou que se está a facer un estudo completo das necesidades para lograr ese saneamento no que traballa un equipo redactor a cargo de Augas de Galicia buscando problemas e achando solucións “pero vai máis lento do que quixeramos todos, dado que é un estudo complexo e vai tardar o seu tempo”, asegurou Fernández Lores quen lembrou que, mentres, “o sector segue a sufrir as consecuencias das zonas C, que lles impide sacar a máxima rendabilidade á ría debido ao abandono da Xunta dende tempos inmemoriais, o que fai que a ría estea totalmente contaminada”.
Mentres a Xunta elabora o estudo, o alcalde lembrou que “hai cousas que se poden ir facendo como a actuación na zona de Cocheras, en Mollavao”. Dende a construción da variante de Marín, reduciuse o tamaño do colector e prodúcense verquidos á ría, incluso cando non chove. “Agora fixemos un apaño dende o Concello, pero é algo que a Xunta ten que resolver definitivamente”, aclarou o alcalde.
A continuidade de Ence
O alcalde de Pontevedra tamén puxo sobre a mesa a continuidade de Ence. “Estou plenamente convencido de que si se mantén Ence, o saneamento completo da ría será imposible”. Lembrou que non se está abordando nas reunións os 13 millóns de metros cúbicos que verte a pasteira ao emisario submarino “o que aumenta a imposibilidade de dilución do verquido”. Todos os concellos da ría verten arredor de 6 ou 7 millóns de metros cúbicos ao emisario submarino, “e parecer ser que a ninguén lle interesa o tema, pero nós ímolo poñer enriba da mesa”.
O alcalde lembrou que unha parte do proxecto do saneamento da ría será a estanqueidade dos pozos, pero tamén aumentar o emisario submarino para que incremente a dilución do verquido, despois de que a depuradora depure; incrementar a rede separativa de augas pluviais e residuais para mellorar o funcionamento da depuradora, xa que na actualidade non pode depurar tal cantidade de auga; e ampliar a depuradora conseguindo unha depuración ao 100% e cunha depuración biolóxica.
Aínda que confesou que a localización da futura depuradora da marxe esquerda da ría de Pontevedra non é competencia do Concello de Pontevedra, “Augas de Galicia ten que buscar a mellor situación para colocala aínda que teña oposición veciñal. Dende hai 20 anos estaba prevista en Pampaído, que me parece o sitio máis axeitado. Hai que tomar o touro polos cornos e poñela aí porque non fai ningún daño ambiental e non afecta a ningún núcleo de poboación”, asegurou Lores.
O alcalde explicou que “deixamos claro na reunión que imos colaborar -como sempre investindo moitos cartos dos pontevedreses, eliminando verquidos e separando augas pluviais de residuais, en fin, reducindo a contaminación da ría”, e xa adiantou que “no futuro haberá que facer máis investimentos con cargo a fondos europeos dos que vai dispoñer a Xunta de Galiza”, ao que engadiu cobro do canon de saneamento “que cobramos todos os concellos aos veciños e que despois pasamos á Xunta para facer obras hidráulicas e de saneamento”.