Lores: «Queremos que BDra Gráfica teña continuidade e que siga achegando e popularizando a banda deseñada»
Pontevedra, 28 de xuño de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o edil de Cultura, Demetrio Gómez; recibiu este venres na alcaldía do Concello de Pontevedra a algúns dos autores máis relevantes que estarán presentes no ciclo BDra Gráfica, xunto co seu organizador Kiko da Silva.
Max, Émile Bravo, Miguelanxo Prado e Bartolomé Seguí achegáronse até as dependencias municipais para compartir conversa co rexedor pontevedrés, ao tempo que transmitiron os seus agradecementos e parabéns pola organización dunha cita que promete seguir medrando e atraendo olladas diversas, tal e como se está a sentir na praza da Ferraría ao longo das súas primeiras xornadas.
«Estamos encantados de ver como está a funcionar BDra Gráfica, como populariza e achega até a veciñanza de Pontevedra a banda deseñada», indicou o alcalde. «Queremos que teña continuidade nos anos vindeiros. O Concello apostará por esta opción e só podemos amosar o noso agradecemento a todos os autores e autoras que se achegaron até a cidade e que xa están gozando dela».
Pola súa banda, Kiko da Silva lembrou que «aínda queda moito festival por diante», logo das primeiras charlas e inauguracións que compoñen o programa de BDra Gráfica. «Imos ter unha xornada realmente intensa de presentacións de obras, con autores e autoras máis que destacados».