Lores fai un chamamento á responsabilidade política para mellorar as cidades e o planeta na Cimeira polo Clima
"Eu reivindico a política porque penso que non hai solucións sen solucións políticas". Así comenzaba a súa intervención o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na mesa redonda "Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima" enmarcada na Xornada da "Axenda Urbana e Cambio Climático" organizada polo Ministerio de Fomento no marco da Cimeira polo Clima COP25. Miguel Anxo Fernández Lores insistiu na necesidade de que "cada un, dentro da súa responsabilidade política, ten que exercer as súas competencias, pero non hai excusas para non tomar decisións porque nós demostramos que é posible", e asegurou que a cidadanía valora a valentía política e puxo como exemplo os seus seis mandatos como alcalde.
A chamada á responsabilidade política foi especialmente ben acollida polos demais participantes na mesa e loada pola moderadora, a directora da Fundación CONAMA, Alicia Torrego quen asegurou contundente que "precisamos capacidade de liderazgo, alcaldes e alcaldesas fortes para levar a cabo políticas que promovan cambios reais" e que no caso de Pontevedra esta fortaleza "funcionou". Na mesa redonda participaron representantes de catro cidades que teñen en común ter gañado o Premio Internacional de Dubai - ONU Habitat, como son Pontevedra, Málaga, Sevilla e Noaín -Navarra-, co obxecto de conectar o lema da COP25 'É tempo de actuar' con modelos que son resultado de ter actuado xa desde hai tempo.
Alicia Torrego presentou a cidade de Pontevedra como un modelo consolidado en canto a mobilidade sustentable e asegurou que "a estas alturas xa todos temos interiorizado que Pontevedra é unha cidade para camiñar". A partires desta premisa, o alcalde de Pontevedra explicou como a cidade pasou de ser "un almacén de coches" a unha referencia mundial en materia de mobilidade e deseño urbano grazas a un cambio de paradigma no que o espazo público se concibe para as persoas, para a convivencia e para a estancia. Ademais dos datos habituais de redución e calmado de tráfico na cidade, Lores fixo fincapé na parte "non visible" da remodelación do centro histórico explicando que paralelamente á accesibilidade universal que se pode apreciar no espazo urbano tamén se fixo un gran investimento na renovación de todos os servizos -como na rede de auga e no subministro de enerxía-, o que supón un gran paso en canto ao aforro e eficiencia dos recursos naturais.
No eido específico do medioambiente salientou a redución do 67% de emisións de CO2 grazas ao calmado e redución de tráfico, e explicou brevemente o proxecto de xestión de residuos a través da compostaxe como un proxecto de futuro no que xa se está a traballar desde o goberno local. Indiciou que toda vez se implante este modelo no que se conxuga a compostaxe comunitaria e indiviudal cunha planta de compostaxe, a previsión é a de reducir nun 52% de emisións de C02. Tamén puxo en valor a recuperación da biodiversidade na cidade e animou a que cada cidade busque o seu propio modelo para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e "para traballar polo planeta desde o local".