Lores en México: "A administración ten que distribuir a riqueza e frear o crecemento desigual"
O alcalde de Pontevedra defendeu en México a existencia do Estado como administración encargada de repartir a riqueza e frear o crecemento desigual que supón unha incorrecta política urbanística, no marco da sea primeira intervención en Mexprópoli, o festival de arquitectura e cidade que se desenvolve estes días en Ciudad de México
O Concello de Pontevedra, co seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, participa até o martes en Mextrópoli 2018, Festival de Arquitectura y Ciudad, que se celebra en Ciudad de México, un dos eventos máis importantes neste eido en América Latina. Trátase dunha cita internacional do sector ao que asisten arredor de 55.000 persoas dende o pasado xoves até o martes 20 de marzo, e no que está volcado toda a cidade.
A presenza do alcalde comezou cunha mesa redonda baixo o título “Urbanizar sin gentrificar: transformación inclusiva de la ciudad”, na que participaron Jorge Wolpert, Rodrigo Rivero Borrell, Sañudo, Mónica Tapia, Zara Snapp e moderou Miguel Adrià.
Dentro dunha vertixe de cambios políticos e tamén normativos, Ciudad de México na mesa redonda abordouse o problema da xentrificación e, por extensión, da situación urbanística da megalópole (de 22 millóns de habitantes), caracterizada por unha escasa regularización e escaso control das actuacións privadas no ámbito urbanístico. No foro Mextrópoli, a festa da arquitectura e cidade, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, foi instado polos outros participantes da mesa redonda que se celebrou no Centro Cultural El Rule a que “despois de 18 anos impulsando as políticas públicas no seu concello, gustaríanos que explicase a situación normativa -urbanística- da cidade”, asegurou Rodrigo Rivero “desarrollador” (promotor) moi concienciado co impacto que teñen a creación de novos inmobles no ámbito urbano e nos seus habitantes.
O relator centraba grande parte do foco de atención do resto da mesa de conferenciantes ao tratarse do único representante do sector privado no debate; un sector que -en moitos casos- xestiona sen demasiada empatía coa parte máis feble da sociedade a política urbanística de Ciudad de México.
O alcalde mediou nesta situación asegurando que, ao seu modo de ver, “existe unha ausencia absoluta do Estado en Ciudad de México”. E defendeu a existencia de ese Estado como a administración encargada de repartir a riqueza e frear o crecemento desigual que supón unha incorrecta política urbanística, como era o caso que os abordaba.
Eu creo no poder transformador da política. E nos políticos que empregamos ese poder para mellorar as cousas para todos
Lembrou que Pontevedra -ao igual que o resto de concellos de Galicia, cando menos- dispón, ademais da normativa autonómica da Lei do Solo, dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que se basea, entre outras moitas cousas, nos conceptos de cargas e beneficios, é dicir, que aqueles que queiran urbanizar devolverán aos veciños arredor do 60% dos beneficios que obterán con esa licenza urbanística que se lle outorga. E devólveos en “especie”: rúas, parques, mobiliario urbano...
Explicou que, ademais da actuación reglada do Urbanismo, tamén existe unha pata fundamental para loitar contra esas desigualdades que forzan a xentrificación: as decisións políticas. “Eu creo no poder transformador da política. E nos políticos que empregamos ese poder para mellorar as cousas para todos”, por iso defendeu a liberalización do espazo público da cidade e a súa categoría de servizo público -ao nivel da sanidade e da educación, cando menos- xa que é o lugar de encontro de todos os veciños e veciñas “independentemente da capacidade económica que teña cada un”.