Intervención de Ramón Regueira no Encontro Nacional
Compañeiras e compañeiros: quixera mediate catro teses presentar o que penso, e creo que pensamos moitos, sobre a teoría e a práctica do Bloque Nacionalista Galego.
Iª TESE: NUNCA FOI MÁIS NECESARIO UN PARTIDO NACIONALISTA DE ESQUERDA
Un capitalismo imperialista, globalización, apátrida e invisíbel rodéanos e afóganos. Facernos visibles. Respirar. Ver a realidade onde sentamos os nosos pés. Usar o materialismo como filosofía que non esquece que é a vida concreta a que crea a conciencia. Unha vida situada nun espazo e nun tempo, coas súas contradicións é a única ferramenta que nos pode enfrontar a este sistema colonizador, monotonizador, que elimina as realidades diferentes que piden e esixen a súa verdade.
IIª TESE: A REALIDADE GALEGA PIDE URXENTEMENTE UNHA RESPOSTA
Non expoñerei polo miúdo cal é esa realidade. Permítanme dicirlle que tres son, para min, as notas esenciais que definen o como estamos.
A primeira, o envellecemento e disminución da poboación. Somos poucos e, por riba, vellos. Como dicía Castelao: Galiza non protesta, emigra; se hoxe virira diría O galego non protesta, non nace. Sigue a emigración pero sobre todo, e unido a ela, non hai crecemento vexetarivo.
A segunda variábel que nos define hoxe é o desmonte acelerado dos seitores produtivos, e sen produción non hai futuro. Sen traballo non podemos solucionar o que dixemos na variábel primeira.
A terceira é a folclorización da nosa cultura. De novo voltamos a que os poderes usen a nosa forma de tansformar o medio para desprezarnos, odiarnos, fuxir do que somos.
III TESE: O BNG COMO ANTÍDOTO FRONTE AO SINALADO
Tres foron, e siguen a ser, os principios estratéxicos e constituíntes dos programas, dos comportamentos e do ser do Bloque Nacionalista Galego, e istos son: a xustiza social, a soberanía nacional e a democracia popular.
Para o Bloque como partido de base materialista é constitutiva a loita pola verdade. A verdade é a xustiza. Se en Galiza a realidade é a que sinalamos, a loita pola liberación, pola harmonía social é constitutiva do seu programa e da súa prática.
Pero esta xustiza social esixe, ineludiblemente, a soberanía nacional. Non hai xustiza se non hai produción, non hai produción se a mesma non arranca da realidade material, mais esa realidade material é organizada, controlada, programada, e explotada desde intereses alleos.
Polo tanto, ou organizamos, controlamos, gobernamos e cuidamos os nosos recursos e proxectamos o noso futuro, ou non é posíbel chegar á harmonía social, a autoorganización do noso ser nacional.
Unha economía dependente, subsidiaria e explotada non permite sair da inxustiza como pobo e como persoas radicadas no mesmo.
Finalmente, se non controlamos o noso, entón non hai democracia real. Pode haber democracia formal, pero non é o mesmo. Seguiriamos nunha oligarquía con votos, nunha democracia plutocrática que arranca ás persoas radicadas aquí a posibilidade de ser donos e propietarios do seu destino.
Do mesmo xeito que non é boa persoa que vendo facer o mal non intervén, igual ocurre co grupo político que vendo diante de si a pobreza, a desigualdade, e a inxustiza se mostra indiferente ou neutral.
O silenzo é, case sempre, culpábel, e aquí máis.
O BNG, por tanto, se ve o que dixemos non só teu o dereito a decidir, senón o de deber de facelo. E, por certo, así o fixo sempre coa súa presenza en todos os lugares de Galiza onde fose necesaria a súa intervención. A súa historia está chea de compromisos reais, de contínuos exercizos prácticos de implicación, porque os seus principios así o demandaban.
Conclúo con dous pequenos corolarios:
O primeiro para recordarme de dúas persoas que, por diferentes motivos, están chamando a nosa atención: Manuel María e Neira Vilas.
Manuel María dicía nun cativo poema isto:
Quen nos diga que temos
que ter paciencia e calar
ou é que xa manda en nós
ou é que pensa en mandar.
O Bloque nunca tivo paciencia, nen nunca calou. Nunca deixou de enfrontarse con calquera que non defenda a autodeterminación de Galiza, dado que ou se está con ela ou coa súa desaparición. Manuel María foi exemplo de cidadán galego de principios e de compromisos sociais.
O segundo, Neira Vilas, o amigo de todos, que nos deixou fai poucos meses. O Balbino que na súa morte é rodeado -asombroso!-, agasallado, aplaudido polos Manolitos dicía nun breve poema isto:
Serás de certo un home
de certo.
Merecente da vida
cando nas meixelas
sintas
a labazada inxusta
dada a outro ser humano
de calquera raza
en calquera latitude
Balbino con dúas patrias: a galega e a cubana, propón a solidariedade desde logo dentro da nación, pero, tamén, coa humanidade enteira. Así foi Neira sempre: solidario dentro e co país, e unha vez feito isto, solidario coa homanidade.
O segundo colorario ten que ver coa necesidade de vacinarnos hoxe contra os catro virus que están aí tentando furar os miolos dos galegos: o virus da impotencia (non hai nada que facer...), o virus da resignación (mexan por nós e hai que dicir que chove), o virus da amnesia (o presente apareceu por arte de maxia, non tivo causas, é así, sen máis, e, se non hai causas, para que buscar un futuro distinto, vivimos xa no mellor dos mundos posíbeis) e, finalmente, o virus da inferencia (sálveme eu e que chova).
O Bloque Nacionalista Galego ten de ser, mediante os seus programas, as súas estratexias e tácticas, a vacina, o antídoto que todos necesitamos.
Adiante, compañeiras e compañeiros da alma.