O futuro centro de visitantes da Carballeira de Caldas incluirá un gran espazo inmersivo con técnicas de "videomapping"
Caldas, 17 de novembro de 2025. O futuro centro de visitantes da Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas vai contar cun gran espazo inmersivo que aplicará as máis modernas técnicas de videomapping para explicar ás persoas visitantes a historia, a memoria, e os valores biolóxicos e ambientais do espazo natural. Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, o novo ‘Museo 24/7’ incluirá unha estancia na que “as paredes se disolven” e se proxectará un espectáculo de imaxes, luces e sons que transformarán a estrutura física do espazo semellando que cobra vida, para ofrecer unha experiencia novidosa e diferencial que faga comprender e poña en valor o BIC.
Fariña destaca a experiencia turística das persoas que visitan o espazo natural debe estar baseada principalmente no protagonismo do conxunto exterior, que está a ser restaurado para recuperar a súa configuración orixinal e mellorar a súa biodiversidade con novas especies. Con todo, “iso non é suficiente”, subliña o nacionalista, por que non se aproveitan todas as potencialidades a nivel turístico: “Necesitamos unha proposta innovadora que nos diferencie e nos posicione, por iso a proposta de musealización que facemos queremos baseala nun uso intelixente das novas tecnoloxías”, subliña o responsable do proxecto.
Manuel Fariña explica que o ‘Museo 24/7’ terá unha estancia na que “as paredes se disolven” cun espectáculo de imaxes, luces e sons deseñado para comprender o BIC
Deste xeito, estase a traballar para que o Centro de Visitantes 24/7 complemente a visita ao conxunto exterior da Carballeira e o Xardín Botánico aproveitando todas as ferramentas dispoñibles no ámbito da dixitalización. Segundo subliña Fariña, o formato da exposición vai estar fortemente apoiado nas novas tecnoloxías e, con independencia de que se inclúan formatos tradicionais, o contido principal basearase no aproveitamento de vías novidosas.
Desta maneira, a proposta é crear un gran espazo inmersivo co videomapping como ferramenta principal que creará unha estancia na que as paredes ‘desaparecen’ e suxiren unha contorna desmaterializada. Vanse utilizar proxectores e software especializado para adaptar o contido visual á xeometría da sala, creando ilusións e efectos ópticos sorprendentes que envolven á persoa espectadora e fan que o espazo sexa dinámico.
Nestes momentos, apunta Fariña, a empresa responsable da experiencia turística (a UTE Atlantic-Trivium Caldas) está a deseñar o prego técnico do contrato para desenvolver toda a tecnoloxía necesaria. Así, en breve sacarase a contratación a creación do espazo inmersivo dentro do Centro de Visitantes, que se instalará no edificio do auditorio e aproveitará a actual sala de exposicións, con 200 metros cadrados repartidos nos dous andares. A instalación e mellora deste espazo suporá un investimento que superará os 250.000 euros, cos que se van resolver tanto a mellora das actuais instalacións como a domotización.
Tanto con formatos tradicionais como dixitalizados, o Centro de Interpretación, atenderá todas as dimensións do BIC –cultural, social e natural-. En particular abordarase a súa historia como espazo cidadá e a súa importancia na tradición balnearia; os usos económicos e sociais dende as súas orixes (xardín, zona de recreo, campo da feira, zona de festas, escenario de festivais... ); a memoria viva, con recordos antigos e testemuñas de xeracións actuais e especial atención ás mulleres; os valores biolóxicos do conxunto; a sensibilización sobre os valores ambientais e tamén aspectos prácticos da visita.