SÁBADO 29. TEATRO PRINCIPAL
Foro da muller e o benestar na peri e menopausa: un encontro para desmontar mitos, informar e dar visibilidade a unha etapa vital descoñecida
Pontevedra, 18 de novembro de 2025. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou o Foro da Muller e Benestar na peri e menopausa-Momento Calma, un encontro deseñado para mulleres que procuran información, apoio e rigor profesional e acompañamento para enfrontar unha etapa vital de cambios que condiciona a súa saúde física, mental e emocional. A cita será no Teatro Principal, o sábado 29 de novembro.
“É un foro con punto de vista feminista” subliñou Anabel Gulías, quen lembrou que “durante moito tempo os temas que teñen que ver coa saúde das mulleres estiveron infra-valorados, minusvalorados e, mesmo ás veces, ridiculizados”.
“Como se nota que hai unha parte da poboación que non sufre dores menstruais, endometriose e outras doenzas que non son puntuais, que nos acompañan grandes etapas da nosa vida” engadiu con retranca a concelleira. Unhas doenzas que afectan, iso si, a máis do 50 por cento da poboación.
Malia esta porcentaxe de afectación e periodicidade, “hai dúas eivas moi importantes: non existía ata hai pouco investigación sobre estes temas e, o máis perigoso, cando se poñen enriba da mesa, non se aborda o tema dos recursos, que si son máis, pero que queremos sexan equitativos, que sexan recursos públicos, da sanidade pública”.
Ana Fernández, do equipo organizador, recoñecía que “ata hai pouco as mulleres non falabamos da menopausa, era un tema tabú”. E co fin de contribuír a derrubar unha realidade, aínda hoxe, invisibilizada, poñen en marcha o foro Momento Calma, “para falar sen problema, en liberdade, da peri e menopausa, que é moitos máis que irse a regra”.
Pola súa banda, a psicóloga Ángela Patricio, remarcou a importancia do coidado e da saúde integral (corpo, mente e emoción) á hora de enfrontar esta etapa vital.
O Foro da Muller e Benestar na peri e menopausa- Momento Calma será unha intensa xornada de mañá e tarde - que incluirá once relatorios técnicos con especialistas e unha mesa redonda de experiencias- que ten como obxectivos: desmontar mitos, informar e despexar dúbidas sobre a peri-menopausa e menopausa.
O acceso ao encontro é de balde pero ten inscrición. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a través da web www.momentocalma.es ou na seguinte ligazón