Feira Franca: Festa de Interese Turístico Galego
O Concello de Pontevedra aprobou no pleno de febreiro de 2012 a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Feira Franca, e un mes despois remitía toda a documentación á Xunta de Galiza.
Dende ese momento, dende a Alcaldía fixéronse comunicacións moi frecuentes -cada mes- ao departamento correspondente da Xunta para coñecer o posicionamento da Axencia Galega de Turismo ou o estado de tramitación do expediente da Feira Franca.
A última comunicación foi o 2 de maio, a media mañá. A contestación da Xunta de Galiza volveu a ser a mesma dos últimos meses: que aínda non estaba convocada a comisión pertinente que trataría esta declaración da Feira Franca.
O día 3 a prensa recolle as declaracións de Jacobo Moreira confirmando a concesión do Interese Turístico Galego para a Feira Franca. Efectivamente, e a pesar de que horas antes a Xunta o negase, o día 2 reuniuse a comisión e concedeulle a distinción.
Non fai falta máis calificativos. Os feitos amosan a falta de lealdade institucional da Xunta do PP negando a convocatoria e celebración dunha comisión, que sen dúbida se ten que organizar, cando menos, con días de antelación, e que formaría parte das notificacións oficiais internas entre administracións.
Pero non é a primeira vez que isto acontece. É coñecido que o Goberno da Xunta nunca quixo manter co Concello de Pontevedra unha relación institucional normalizada, empregando de xeito sistemático ao portavoz do grupo municipal como recadeiro dos expedientes administrativos entre Xunta e Concello.
Non obstante, o BNG congratúlase de que o Partido Popular, co seu portavoz local á fronte, acolla con satisfacción a próxima declaración da Feira Franca como unha festa de interese turístico galego, especialmente tendo en conta que se trata dun evento festivo de recoñecido éxito que foi denostado dende as súas orixes pola formación popular.