O Concello de Pontevedra trasládalle á Xunta as denuncias veciñais polos ruídos de Ence e urxe unha inspección ambiental en Lourizán
Pontevedra, 17 de febreiro de 2026. O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, anunciou que o Concello de Pontevedra vén de remitir á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o expediente relativo ás denuncias por ruídos procedentes da fábrica de Ence. Esta decisión prodúcese tras a "constante recepción neste concello de denuncias por parte de veciños e veciñas de Lourizán" e ante a imposibilidade dos servizos municipais de actuar sobre unha instalación de carácter supramunicipal.
Segundo explicou Oubiña, un recente informe técnico municipal conclúe que o Concello "non ten os equipamentos necesarios" para realizar as medicións pertinentes. A complexidade radica na existencia dun "conglomerado de ruídos" na zona, onde se mesturan a actividade da fábrica, o tráfico pesado de camións, o paso do tren, a circulación de coches e outras obras, o que dificulta illar a fonte emisora cos medios locais.
O informe técnico sinala unha "vinculación entre o maior incremento das denuncias" e a modificación realizada na fábrica de Ence no ano 2018. O edil lembrou que aquela obra executouse sen licenza municipal ao estar suxeita a un plan de incidencia supramunicipal.
Ademais, o edil salientou que, malia que a prórroga da concesión de Ence estaba vinculada á diminución dos ruídos, as queixas veciñais non deixaron de aumentar. "Non nos consta que, tras numerosas visitas de inspección ao recinto fabril, existan novas pantallas vexetais significativas que menoren a contaminación acústica ou que se puxeran en práctica estas medidas", denunciou o concelleiro.
O expediente trasladado á Xunta inclúe denuncias acumuladas dende os anos 2018, 2019 e 2020, xunto coas máis recentes. O obxectivo do goberno local é que a administración autonómica, como organismo competente, "lle dea continuidade a este expediente" e realice as comprobacións necesarias.
Alberto Oubiña lembrou que os límites legais están fixados en 70 decibelios en horario diurno e 60 en nocturno, e convidou a comprobar in situ a situación: "Convido a quen queira pasarse pola zona de Lourizán a que estea un anaco alí e veremos se efectivamente son 60, 70 ou incluso máis os ruídos que a veciñanza ten que soportar". Así mesmo, advertiu que o ruído transmitido ao interior das vivendas pode ser incluso superior ao percibido a pé de rúa.