O Concello de Pontevedra pon a punto a cidade coa restauración de bancos, a limpeza de farois e o remate das beirarrúas da avenida da Estación
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda supervisou distintas obras de mantemento do espazo público que o Concello está a realizar no centro urbano e nos barrios para mellorar a calidade de vida da veciñanza e a imaxe da cidade. O remate da reconstrución das beirarrúas da avenida da Estación, os traballos de reparación e restauración de bancos en distintos puntos da cidade e a limpeza e pintado de farois públicos en varias rúas son labores que o seu departamento está a realizar aproveitando o bo tempo.
Na avenida da Estación, a reconstrución das beirarrúas encara os últimos traballos para resolver o afundimento polo repisado dos edificios. Esta deficiencia afectou aos servizos soterrados e a situación agravouse polo arborado da rúa que causou o levantamento de lousas e que entraban polas fiestras dos edificios ao estar moi pegadas aos inmobles.
Xaquín Moreda comprobou na súa visita que xa está rematado o segundo treito da beirarrúa que se foi facendo por fases para afectar o menos posible á veciñanza. A última parte será a plantación de tres novas árbores máis afastadas das fachadas e fóra da liña dos servizos soterrados. A reposición da beirarrúa faise en 71 metros lonxitudinais e ten un custe superior aos 70.000 euros.
O concelleiro tamén se achegou á praza da Verdura e ao paseo de Marín -na zona máis próxima a rúa Manuel del Palacio-, onde se restauraron os bancos públicos. Estas dúas intervencións son un exemplo dos traballos que están a realizar aproveitando o bo tempo ás portas do verán. Ademais destas dúas zonas, actuouse tamén noutras como Gutiérrez Mellado e continuará polas rúas Sagasta e Prado Novo, no barrio de Valdecorvos, entre outras.
O procedemento de restauración -na maior parte dos casos-, sempre é o mesmo: retirada das madeiras para tratarse no taller (decapado e vernizado), e pintado dos pés dos bancos in situ. Finalmente, vólvense a colocar as madeiras.
O concelleiro é consciente dos inconvenientes que este procedemento pode causar pero é a única maneira de que a restauración dos bancos se faga de xeito seguro para as persoas usuarias e traballadoras.
Tamén aproveitando o verán a Concellaría retoma las limpezas de farois do espazo público. Ao igual que os bancos, son melloras que só se poden realizar neste tempo xa que o frío, a chuvia e a humidade non permiten que o resultado sexa bo e duradeiro.
Xaquín Moreda achegouse á rúa Benito Corbal e a Cobián Roffignac onde esta semana comezaron as limpezas que consisten na retirada de papeis pegados, adhesivos e graffitis, e no pintado dos báculos. Sen dúbida, a Concellaría ten detectado que se trata dun problema localizado nos espazos onde hai máis concentración de persoas, por iso os traballos continuarán cara Augusto García Sánchez e o primeiro treito de Loureiro Crespo nos vindeiros días.
O concelleiro aproveitou para recordar que a limpeza dos báculos é un traballo que pode pasar desapercibido pero que repercute de xeito moi importante na imaxe da cidade, por iso volveu a facer un chamamento á veciñanza para que desboten as prácticas de pegar nos farois porque o seu custe é moi elevado.