O Concello de Pontevedra estuda ampliar o servizo do ‘Coche de Punto’ ás tardes de luns a venres e aos sábados pola mañá

Eva Vilaverde
Eva Vilaverde
O Concello de Pontevedra estuda ampliar o servizo do ‘Coche de Punto’ ás tardes de luns a venres e aos sábados pola mañá

Pontevedra, 8 de xaneiro de 2026. A alcadesa accidental, Eva Vilaverde, informou da posta en marcha dun estudo técnico para avaliar a ampliación da franxa horaria do coche de punta, unha medida busca dar resposta á demanda veciñal e analizar a viabilidade de estendelo tamén ás tardes de luns a venres, e aos sábados pola mañá. 

Segundo explicou a rexedora accidental, a iniciativa xorde como unha proposta do concelleiro do ramo, César Mosquera, e coincide tamén cunha petición trasladada polo grupo municipal do PSOE na comisión de Infraestruturas. O obxectivo principal é confirmar, mediante datos obxectivos, se existe unha necesidade real de ampliar a cobertura horaria para mellorar a prestación ás persoas usuarias. 

Esta decisión de realizar o estudo coincide co cumprimento do primeiro ano enteiro de posta en funcionamento do servizo. Vilaverde destacou que o Coche de Punto naceu para cubrir unha necesidade específica nas zonas rurais de dispersión, onde o transporte convencional por autobús non resulta eficiente nin económica nin medioambientalmente. 

Os datos de uso avalan a consolidación deste transporte a demanda: 

  • Ata o pasado mes de novembro, o servizo realizou preto de 2.500 viaxes. 
  • A vía de contacto preferente pola cidadanía segue a ser a chamada telefónica, con 2.158 solicitudes fronte ás realizadas a través da web. 

A alcaldesa accidental subliñou que calquera modificación horaria farase de xeito consensuado. “O que pretendemos é que dende o servizo se analicen os datos, se faga unha valoración do funcionamento e da posibilidade de ampliación, falando loxicamente co sector do taxi”, sinalou Vilaverde. 

O Concello procederá agora a convocar reunións cos profesionais do taxi para determinar en que franxas e días é máis recomendable aplicar o incremento de horario. A intención do goberno local é implementar estas melloras “canto antes”, unha vez se dispoña das conclusións técnicas e o sector dea o seu visto bo. 

O Concello de Pontevedra estuda ampliar o servizo do ‘Coche de Punto’ ás tardes de luns a venres e aos sábados pola mañá