O Concello de Pontevedra estrea a recollida de pilas cunha rede de 75 colectores en edificios públicos e centros sociais e de ensino

Novos colectores de pilas
Novos colectores de pilas
O Concello de Pontevedra estrea a recollida de pilas cunha rede de 75 colectores en edificios públicos e centros sociais e de ensino

Pontevedra, 8 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Servizos Urbanos Básicos encargada da xestión de residuos, vén de activar a rede de recollida de pilas e acumuladores en todo o municipio. Trátase dunha novidade dentro do novo contrato de recollida de residuos, xa que ata o de agora era unha prestación que non se ofrecía na cidade e que supón un salto de calidade para a xestión de residuos perigosos.

A empresa adxudicataria do servizo (PreZero) achega un total de 75 colectores específicos para pilas. Estes contedores, con capacidade para 40 litros, non se colocarán na vía pública, senón que están pensados para o seu uso no interior de edificios públicos, dependencias municipais, centros sociais e centros de ensino.

O despregue destes novos colectores xa é unha realidade nunha gran cantidade de espazos de convivencia. Están despregados nun amplo número de centros institucionais e equipamentos municipais, incluíndo o Pavillón Multiusos e o Municipal, os parques de Bombeiros, a Policía Local e Protección Civil, os mercados da Serra e de Frei Xoán de Navarrete, a Casa Luz, a Casa Azul, o Pazo da Cultura entre outros edificios municipais. A rede complétase cos centros sociais: Burgo, Gorgullón, Leste, San Roque, Monte Porreiro, Os Campos entre outros, achegando así o servizo aos diferentes barrios e tamén ao rural.

"A cidadanía pode empregar este servizo achegándose a calquera destes edificios públicos ou locais sociais no seu horario de apertura e depositar directamente as súas pilas no colector interior", afirmou o concelleiro responsábel, Xaquín Moreda. A maiores, lémbrase que as e os cidadáns e as empresas tamén teñen a opción de entregar as pilas e acumuladores acudindo ao Punto Limpo Fixo (no Polígono do Campiño) e, no futuro, mediante o servizo de Punto Limpo Móbil.

Ademais, xa están despregados en centros de ensino como os colexios Xunqueira 1, Marcos da Portela, Vidal Portela, San Martiño, Froebel, Álvarez Limeses, Villaverde, Campolongo, Crespo Rivas e Lérez, entre moitos outros. Esta opción é para un uso interno dos propios centros.

As pilas serán tratadas por un xestor autorizado contratado por Prezero.

O Concello de Pontevedra estrea a recollida de pilas cunha rede de 75 colectores en edificios públicos e centros sociais e de ensino