O Concello de Pontevedra declara prioritaria a licenza para a segunda fase das escavacións de Santa Clara tras recibir a solicitude da Deputación

Santa Clara
Santa Clara
O Concello de Pontevedra declara prioritaria a licenza para a segunda fase das escavacións de Santa Clara tras recibir a solicitude da Deputación

Pontevedra, 3 de marzo de 2026. O Concello de Pontevedra vén de dar un novo pulo para o avance da recuperación do convento de Santa Clara. O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, informou esta mañá que a Administración local acaba de recibir a solicitude de licenza por parte da Deputación para acometer a segunda fase das escavacións arqueolóxicas no recinto. 

Dada a importancia estratéxica deste proxecto para a cidade, Oubiña confirmou que ordenou declarar prioritaria a súa tramitación. "En canto vimos a solicitude de licenza, ordenei que se declarase prioritaria. Os servizos técnicos municipais xa están analizando a documentación co obxectivo de conceder a licenza canto antes", destacou o edil. Esta celeridade busca converter este trámite nun "chanzo máis para poder volver a abrir novamente e para que a veciñanza poida gozar dos xardíns de Santa Clara e dos edificios que alí se atopan". 

Segundo explicou o concelleiro, o proxecto técnico presentado xa vén validado pola Consellería de Cultura. Aínda que o prazo legal para conceder este tipo de licenzas é de tres meses, a intención do Goberno local é resolvelo en menos dun mes. Neste sentido, Oubiña lembrou a axilidade demostrada polo Concello na primeira fase das escavacións, cuxa licenza se concedeu en apenas 15 días. 

A entrada desta solicitude pon fin a unha situación anómala no procedemento. O Concello tivo constancia o pasado 13 de febreiro de que a Xunta de Galiza xa emitira a autorización sectorial para esta segunda fase de escavacións. Non obstante, a Deputación non presentara a correspondente solicitude de licenza no Concello ata a mañá de hoxe. 

Este atraso obrigara recentemente ao Servizo de Urbanismo a emitir un oficio oficial requirindo á Deputación, nun prazo de dez días hábiles, a presentación da devandita solicitude xunto coa emenda de diversas deficiencias detectadas no expediente xeral de rehabilitación do convento. 

Na súa intervención, Alberto Oubiña reafirmou que para o Concello, Santa Clara é "unha cuestión prioritaria e fundamental". O concelleiro lembrou o empeño da Administración local en adquirir o inmoble para o patrimonio público e o seu posterior traspaso á Deputación, considerada a institución coa capacidade financeira idónea para rehabilitalo como sede do Museo e devolvelo ao uso da cidadanía. 

Coa tramitación de urxencia desta nova licenza, o Concello de Pontevedra volve tender a man e amosar a súa total disposición técnica e administrativa para que as obras non sufran máis demoras e o conxunto histórico poida ser gozado por toda a veciñanza o antes posible. 

O Concello de Pontevedra declara prioritaria a licenza para a segunda fase das escavacións de Santa Clara tras recibir a solicitude da Deputación