O Concello de Pontevedra continúa adiante coas catas no Gafos que revelan que habería que retirar arredor de 15.000 toneladas de formigón
Pontevedra, 29 de novembro de 2023. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera presentou os primeiros avances das sondaxes que o Concello está a facer en Campolongo para determinar a viabilidade de renaturalizar o paseo do Gafos. “Seguimos avanzando porque xa temos o resultado da primeira fase e imos comezar a segunda”, indicou o concelleiro.
Desta primeira fase, César Mosquera explicou que o Gafos está cuberto en 535 metros lonxitudinais desde Alcalde Hevia a Xeneral Rubín. Nas sondaxes partíase da base de que “era un caixón de paredes verticais paralelas e unha profundidade duns 3 metros”. En realidade, as paredes son tropezoidais que teñen na parte superior uns 70 centímetros de ancho e na parte inferior uns dous metros. Ao respecto do fondo, trátase dunha soleira sen armar duns 45 centímetros colocada sobre grava.
Adiantou que con estas medicións “teríamos que sacar da canle do Gafos arredor de 15.000 toneladas de formigón, é dicir, farían falta uns 1.500 camións cunha tara de 10 toneladas”.
Tamén afirmou que non se está aínda na fase de alternativas porque se iniciará de inmediato unha segunda fase que consistirá en facer catas no patio do colexio, ver como están os edificios, e cabe a posibilidade de realizar unha cata aberta.
O obxectivo destas sondaxes é renaturalizar o río, é dicir, que estea en contacto coa atmósfera e a luz, que estea en contacto coa terra e que, na medida do posible, estea en contacto coa capa freática “de tal modo que a auga que estea aí poida saír a través do río”.
César Mosquera agarda que os resultados finais coas posibles alternativas, estean listos de cara ao final de ano, momento en que se tomará unha decisión ao respecto da renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo.