O Concello informa á veciñanza sobre o cambio no sistema de recollida de lixo e as futuras illas emerxentes do centro histórico

Reunion con Federación Castelao e Asociacion Centro historico
Reunion con Federación Castelao e Asociacion Centro historico
O Concello informa á veciñanza sobre o cambio no sistema de recollida de lixo e as futuras illas emerxentes do centro histórico

Pontevedra. 8 de maio de 2026. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, mantivo un encontro coa Federación de veciños Castelao e a Asociación de veciños do Centro histórico para informarlles do novo sistema de recollida de residuos no concello. Durante a xuntanza, o Goberno local explicou como se está a implantar o novo contrato de residuos, subliñando que as actuacións van moito máis aló dun simple cambio de colectores nas rúas, e detallando os cambios e melloras que suporá o servizo tanto para a zona urbana como para o ámbito rural do municipio. 

Ademais de debuxar este panorama xeral, a reunión serviu para concretar como funcionará a recollida comercial no conxunto do ámbito urbano e, de forma moi específica, no centro histórico. Outra parte da cita centrouse en abordar polo miúdo como será a novidosa recollida de residuos domiciliarios para a veciñanza da zona monumental coa inminente chegada das "illas emerxentes". 

Á espera de recibir modelo definitivo destas illas, Xaquín Moreda quixo adiantar o seu funcionamento e compartir cos representantes veciñais a proposta das súas localizacións. A veciñanza, que se amosou moi interesada no cambio, levou a proposta para estudala e facer achegas, aínda que nun principio quedou satisfeita coas localizacións determinadas polo Concello. 

Sobre o traballo de selección destes puntos, o concelleiro Xaquín Moreda explicou que "estas localizacións foron escollidas en base a varios criterios: que houbese espazo para a súa colocación, que non afectase a fachadas comerciais, entradas a edificios..., que o acceso ao lugar para poder instalala fose sinxelo e tamén tivo en conta a presión residencial de cada ámbito". 

As illas emerxentes suporán a fin dos contedores permanentes na rúa. Trátase de oito plataformas móbiles que permitirán recoller as cinco fraccións de residuos domiciliarios (biorresiduo, papel/cartón,vidro, envases e resto). Estes colectores instalaranse e retiraranse todos os días do ano (de luns a domingo) mediante dous equipos con cabezas tractoras eléctricas, operando na quenda de tarde/noite. 

A dinámica diaria será a seguinte: 

A instalación farase de forma progresiva entre as 18:00 e antes das 20:00 horas.

Cada plataforma estará dispoñible na rúa un mínimo de catro horas para o uso dos residentes. 

A partir das 22:00 horas comezará a súa retirada progresiva, finalizando arredor da 01:00 da madrugada (a hora de retirada será orientativa en función da operativa do propio servizo). 

Ao finalizar, as illas baléiranse e límpanse exhaustivamente con auga a presión na base para volver a colocalas ao día seguinte.
A distribución planificouse para que ningún veciño teña que desprazarse máis de 125 metros dende a súa casa. A proposta de lugares na rúa é a seguinte: 

  • Paseo Odriozola (edificio de Facenda)
  • César Boente - praza da Pedreira.
  • Rúa Sarmiento entre Verdura e Leña.
  • Rúa Duque de Tetuán (Teatro)
  • Curros Enríquez con Ánimas e Palmas.
  • Rúa San Martiño
  • Rúa Valentín García Escudero
  • Rúa do Barón (frente ao Parador)

O cambio do sistema farase de xeito ordenado. O concelleiro avanzoulles que o primeiro paso será iniciar proximamente a recollida porta a porta comercial das cinco fraccións entre a hostalería e o comercio do centro histórico. Só despois dun período de transición comezarán a retirarse totalmente os colectores tradicionais para comezar a utilizar as illas emerxentes. 

Para garantir que todos os residentes coñezan a nova dinámica, o Concello comprometeuse a realizar unha campaña informativa previa para explicar á veciñanza en que consisten estas illas, onde estarán, os seus horarios e que tipo de residuos recollerán. 

O Concello informa á veciñanza sobre o cambio no sistema de recollida de lixo e as futuras illas emerxentes do centro histórico