O Concello de Pontevedra comprométese a esixirlle á Xunta unha compensación xusta para a veciñanza afectada polo proxecto de San Amaro

Xuntanza San Amaro
Xuntanza San Amaro
O Concello de Pontevedra comprométese a esixirlle á Xunta unha compensación xusta para a veciñanza afectada polo proxecto de San Amaro

Pontevedra, 5 de maio de 2026. O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, acompañado polo director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, mantivo o pasado mércores pola tarde unha xuntanza coa veciñanza afectada polo Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro. 

O encontro, centrado no desenvolvemento deste proxecto impulsado pola Xunta de Galiza, estivo marcado por un “ambiente cordial e amable”, unha actitude que o Goberno Local agradeceu fondamente. O edil quixo deixar constancia durante a xuntanza que o Concello é plenamente consciente da gran preocupación e frustración das veciñas e veciños, xa que as súas vivendas e terreos corren perigo debido á execución desta iniciativa. 

Durante a reunión, os representantes municipais explicaron os pasos que se deron ata o momento, dende a oferta inicial de diversos terreos da cidade ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) até a escolla definitiva das parcelas de San Amaro. Tamén se deu conta do estado das alegacións presentadas polo Concello, sinalando que algunhas foron aceptadas —como a relativa ao vial do edificio de emerxencias— e outras rexeitadas, como foi o caso da petición para que a Xunta executase o acceso dende a rolda leste, unha obra que rematará asumindo o propio Concello. 

Oubiña quixo deixar moi claro ante a veciñanza que "isto non é un proxecto municipal", senón da institución autonómica, que é a administración que posúe as competencias en materia de vivenda. Porén, o Concello presta a súa colaboración por considerar que é unha infraestrutura positiva para a cidade perante a actual e elevada demanda de vivenda protexida. Pola súa banda, as persoas afectadas aproveitaron a xuntanza para trasladar as súas inquedanzas sobre a situación na que quedarán as súas casas, as súas parcelas e a rede de viais. 

Como principal conclusión do encontro, a área de Urbanismo adquiriu o compromiso de manter un diálogo fluído nos vindeiros meses e de celebrar todas as xuntanzas que sexan precisas a medida que avance a tramitación técnica e os requirimentos de informes. 

O compromiso máis salientable anunciado por Oubiña é que o Concello reclamará con firmeza á Xunta de Galiza e ao IGVS que "se compense xustamente" as perdas da veciñanza. O edil de Urbanismo subliñou que están en xogo os fogares de moitas persoas que, de boa fe, mercaron as súas casas recentemente ou que levan toda a vida residindo na zona. Malia que na actualidade o proxecto se topa nunha fase previa na que legalmente non se pode formalizar esta esixencia, Oubiña asegurou que, no momento en que o procedemento avance e se soliciten os informes municipais pertinentes, o Concello fará constar a demanda innegociábel de que as veciñas e veciños reciban a compensación xusta que merecen. 

O Concello de Pontevedra comprométese a esixirlle á Xunta unha compensación xusta para a veciñanza afectada polo proxecto de San Amaro