O Concello de Caldas mantén aberto o prazo de reserva de praza na Escola Municipal de Música para o curso 26/27 até o próximo día 20
Caldas, 2 de xuño de 2026. Concello de Caldas de Reis vén de abrir o prazo para a reserva de praza na Escola Municipal de Música para o próximo curso 2026/2027 e manterao aberto até o vindeiro día 20 de xuño. O tenente de alcalde Manuel Fariña confirmou que, como en edicións anteriores, haberá dispoñibles 175 prazas repartidas en diferentes modalidades e instrumentos.
Segundo destaca Fariña, ofreceranse diversos estudos musicais a través de plans de estudo flexibles e abertos aos intereses do alumnado. As clases dispoñibles abarcan tanto percusión, vento e metal, como linguaxe musical ou música de cámara baixo a xefatura de estudos de Milagros Valiño. En concreto, poderanse seguir estudos de guitarra, piano, percusión, clarinete, trompeta, bombardino, trombón, trompa, tuba, saxofón, ou violín.
Para inscribirse é preciso presentar o formulario cuberto no Rexistro do Concello. Poderá facer a súa reserva de praza calquera veciña ou veciño, tendo en conta que a idade mínima para nenas e nenos é de catro anos. Terán preferencia as e os alumnos que renoven a matrícula, aínda que haberá posibilidade de novas incorporacións, motivo polo que o tenente de alcalde insiste en convidar a veciñanza a, cando menos, informarse das posibilidades para “vivir a música” dende a escola.
Fariña destaca a grande relación da vila de Caldas coa música, por iso fai unha chamada a participar da Escola, na que segundo subliña, “se fomenta dun xeito vivo a práctica da actividade musical a través de plans de estudos flexibles sen discriminación de idade”. O nacionalista destaca a grande tradición musical da vila termal se reflexa tanto na Banda Municipal (bebedora da Escola de Música), como doutras agrupacións que participan da vida e das festas locais cunha intensa programación fomentada dende o Concello.