O Concello de Caldas anima á veciñanza a celebrar as fogueiras de San Xoán e San Pedro con seguridade e responsabilidade

Manuel Fariña na ponte romana
Manuel Fariña na ponte romana
O Concello de Caldas anima á veciñanza a celebrar as fogueiras de San Xoán e San Pedro con seguridade e responsabilidade

Caldas, 3 de xuño de 2026. As noites de San Xoán e San Pedro están cada vez máis preto e, un ano máis, o Concello de Caldas de Reis anima á veciñanza a manter viva esta tradición cumprindo unha serie de medidas básicas de responsabilidade para que a celebración transcorra sen incidentes. O tenente de alcalde encargado de Festas, Manuel Fariña, lembra que as persoas particulares que desexen organizar unha cacharela en terreos privados deberán comunicar a súa celebración á administración local antes do día 19. 

Fariña explica que o trámite pode realizarse de maneira sinxela a través da Sede Electrónica municipal e, no caso de non poder facelo en liña, tamén se poderá presentar a documentación no Rexistro do Concello, de luns a venres, entre as 9h e as 14h. A relación das fogueiras autorizadas publicarase, como moi tarde, o 23 de xuño antes das tres da tarde.

Para completar o trámite será necesario achegar un plano catastral coa localización exacta da fogueira. Este documento pode descargarse a través da Sede Electrónica do Catastro e presentarase mediante copia simple, sendo a persoa solicitante responsable da súa veracidade.

Desde o Concello lémbrase que a seguridade debe ser unha prioridade durante estas celebracións. As fogueiras só poderán permanecer acesas entre as 20h e as 3.30h e deberán situarse a unha distancia segura de vivendas, vehículos, mobiliario urbano, zonas con vexetación, tendidos eléctricos ou calquera instalación que poida verse afectada polo lume. Tampouco está permitido queimar materiais contaminantes ou perigosos, como plásticos, pneumáticos, aerosois ou outros residuos similares. Ademais, é importante evitar a acumulación de materiais combustibles arredor da cacharela.

As persoas organizadoras deberán dispoñer de medios para apagar o lume, como caldeiros de auga, area ou extintores, e deberán asegurarse de que a fogueira quede completamente apagada antes de abandonar o lugar. En caso de vento forte ou condicións meteorolóxicas adversas, non se poderá prender.

O tenente de alcalde Manuel Fariña agradece a colaboración da veciñanza e fai un chamamento ao sentido común e á responsabilidade para gozar dunha das noites máis especiais do ano con todas as garantías de seguridade.

O Concello de Caldas anima á veciñanza a celebrar as fogueiras de San Xoán e San Pedro con seguridade e responsabilidade