O Concello de Barro súmase ao proxecto “Preciso Pasar” da asociación ASSEII para mellorar a calidade de vida das persoas con EII, ostomías e incontinencias

Abraldes con membros da ASEII na sinatura do convenio de colaboración

Barro, 8 de xullo de 2025. O Concello de Barro vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación ASSEII (Asociación Sociosanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinais) para sumarse ao proxecto “Preciso Pasar” e á súa campaña “Apadriña un WC”, unha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida das persoas que padecen enfermidades inflamatorias intestinais (EII), ostomías ou incontinencias, facilitando o seu acceso urxente a baños en establecementos colaboradores.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinou o acordo con David Pereira Martiñán e Patricia Villamayor Silva, vogais da asociación no Concello de Barro. A través deste convenio, o Concello comprométese a difundir a campaña entre o comercio e a hostalaría local, a promover accións de concienciación social e a apoiar a inclusión dun colectivo que, con frecuencia, debe organizar a súa vida ao redor da posibilidade de atopar un aseo dispoñible.

Tal e como sinalan desde ASSEII, o acceso rápido a un baño en situacións urxentes non é un luxo, senón unha necesidade básica para miles de persoas que conviven con estas condicións, moitas veces invisibilizadas.

A campaña “Apadriña un WC” convida a establecementos comerciais e hostaleiros a permitir o uso gratuíto dos seus aseos ás persoas usuarias da tarxeta identificativa emitida pola asociación, sen necesidade de consumo. Estes locais reciben un distintivo oficial e son incluídos nos materiais informativos do proxecto, reforzando así a súa imaxe social e o seu compromiso coa inclusión.

No municipio de Barro, xa se sumaron á campaña a Barbería Damián (Santo Antoniño), a Panadería Acuña (Curro) e o propio Concello de Barro, como entidade pública colaboradora.

Desde o Concello de Barro faise un chamamento a todos os locais comerciais e hostaleiros interesados en colaborar, animándoos a adherirse a esta rede solidaria. 

O Concello de Barro súmase ao proxecto “Preciso Pasar” da asociación ASSEII para mellorar a calidade de vida das persoas con EII, ostomías e incontinencias