Catro novas propostas de artes escénicas chegarán a Pontevedra cos Domingos do Principal entre o 11 de xaneiro e 1 de febreiro
Pontevedra, 19 de decembro de 2025. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentou acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro unha nova edición dos Domingos do Principal que botará a andar o domingo 11 de xaneiro.
O edil avanzou a que será a primeira programación de 2026: “empezamos o ano conesta tempada de inverno dos Domingos do Principal, cunha colección de obras do mellor teatro galego e unha función que vén de máis aló das nosas fronteiras. Un diálogo entre a cultura galega e a que vén de fóra. Non remarquei que era teatro infantil porque é un teatro que pode gozar todo o público de Pontevedra a partir dos 4 anos. A partir de mañá están á venda entradas a 4€ e abono para as catro funcións a un prezo de 12€”.
Pola súa banda Xacobe quixo agradecer ao Concello a confianza depositada ao longo dos anos e a liberdade na selección das obras que “é un traballo de meses. Traemos espectáculos e formas diferentes de expresarse no escenario para mostrar o que se está a facer nas artes escénicas. É teatro para toda a familia, non só para cativada, por iso poñemos unha idade mínima para asistir. Son espectáculos que normalmente teñen diferentes lecturas. Entre a programación, no que atopamos espectáculos de diferente natureza e temáticas como a hiperactividade, a igualdade, as aventuras de 3 irmás camiño á escola, etc. Cabe sinalar o primeiro espectáculo que chegará o 11 de xaneiro, Molto Barroco de Píscore, que tivo que ser cancelado na edición anterior.