A Carballeira e o Botánico de Caldas, en prazo para lucir a súa mellor imaxe antes do verán
Caldas, 14 de abril de 2026. A Carballeira e o Botánico de Caldas estarán listos en prazo para lucir a súa mellor imaxe antes do verán. Segundo confirmou hoxe o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen participou na visita e supervisión dos traballos de rehabilitación xunto ao alcalde e ao subdelegado do Goberno, a maioría do plan de traballo xa está rematado ou pendente de xustificar, a excepción da creación do novo centro de visitantes no Auditorio e a e a experiencia inmersiva exterior do ‘Museo 24/7’, que están comezando nestes días e deberán rematar antes de finais de maio.
Fariña destaca que a subvención dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria está destinada a varios epígrafes para mellorar a Carballeira e o Botánico de maneira integral.
O primeiro epígrafe é o referido á restauración integral do BIC, que nestes momentos está na súa recta final. Explica Fariña que o Concello concedeu á empresa adxudicataria unha ampliación do prazo de execución polo mal tempo, xa que a adecuación vexetal da contorna viuse moi mermada polas chuvias, que obrigaron a parar os traballos durante moitas xornadas. Subliñou que esta ampliación aproveitouse para incluír tamén actuacións menores non previstas, como por exemplo, a substitución do cableado. As melloras estarán entregadas definitivamente o vindeiro 30 de abril.
Tamén está rematado e entregado o proxecto turístico que define unha musealización potente para poñer en valor o espazo natural. A instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo está realizada, só faltando os trámites burocráticos de legalización das conexións, así como a instalación do ascensor que facilitará a accesibilidade no centro de visitantes. Está en desenvolvemento a redacción do proxecto de publicidade, coa elaboración dos logotipos, lemas e recollida de recursos e material para divulgar o novo ‘Museo 24/7’ con iniciativas de comunicación e acción social.
Amais, nestes momentos está iniciado o traballo de creación do novo centro de visitantes e a experiencia inmersiva exterior do ‘Museo 24/7’ da Carballeira e o Xardín Botánico por parte da empresa ‘Invelon Technologies’ . A falta de pechar os trámites do contrato, a firma catalana xa leva días a traballar para converter o auditorio “nun espazo interpretativo diferencial que será referente do turismo intelixente e automatizado”.
O tenente de alcalde e responsable de Cultura Manuel Fariña apunta que a rehabilitación do Botánico e a Carballeira suporán un antes e despois para Caldas como municipio e, en concreto para o BIC, en materia de calidade e de potencial aproveitamento para o turismo.
“A reforma da Carballeira é un deses proxectos fundamentais e decisivos que fan historia. A veciñanza de Caldas vai estar orgullosa do resultado e de como nos vai poñer no mapa”, subliña o nacionalista.