SÁBADO 8 DE NOVEMBRO. PRAZA JOSÉ SESTO CASAL
Caldas repartirá máis de 200 quilos de castañas no magosto
Caldas, 5 de novembro de 2025. O Concello de Caldas quere reunir a centos de veciñas e veciños este sábado día 8 (20h) no seu tradicional magosto, que volverá repetir a localización do ano pasado na praza de José Sesto Casal. A festa, que pretende esquivar o mal tempo coa instalación dunha carpa, comezará ás oito da tarde e contará coa ambientación musical de ‘A Yaya DJ’, segundo explica o tenente de alcalde e responsable da Concellería de Festas, Manuel Fariña.
A celebración incluirá o reparto de máis de 200 quilos de castañas asadas e viño novo totalmente de balde entre as persoas asistentes. Segundo apunta Fariña, esta festa de outono en Caldas é unha das máis potentes da comarca, polo que convida a toda a veciñanza a participar e a cumprir o dito de ‘Polo San Martiño, castañas e viño’.
“Coma cada ano temos garantía dunha festa animada”, subliña Fariña, quen destaca que, novamente, o magosto volverá implicar a xente maior e moza, xa que o Concello conta coa colaboración na organización da Asociación de Xubilados “que sempre se implican de maneira moi activa”.
O tenente de alcalde nacionalista lembra que a celebración do magosto remóntase no tempo e que as súas raíces están nos cultos ás colleitas e ao final do ciclo agrícola. A etimoloxía do termo apunta ao termo en latín ‘magnus ustus’ que significa gran lume, facendo referencia a un ritual no que a fogueira é o elemento central.