PATIO CO COLEXIO DA ENCARNACIÓN E A TAFONA

Caldas repartirá os concertos da festas de verán en dous escenarios

Festas de Caldas 2024
Festas de Caldas 2024
Caldas repartirá os concertos da festas de verán en dous escenarios

Caldas, 29 de xullo de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai repartir os concertos e as principais actuacións musicais das Festas de Caldas entre o patio do Colexio da Encarnación e A Tafona. Así o confirmou hoxe o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen explica que a reorganización dos espazos está motivada pola necesidade de espazos amplos e céntricos e ante a imposibilidade de contar este ano co escenario acuático debido a que, durante a celebración das festas estaba previsto o inicio das obras de restauración do Xardín e a Carballeira. 

Fariña subliña que o escenario principal destas festas instalarase no patio do Colexio da Encarnación (na avenida Dolores Mosquera), un espazo de máis de  1.500 metros cadrados no núcleo da vila que se espera que poida  acoller a máis de 3.000 persoas nos concertos do 14 e do 15 de agosto. A cita musical do 16 de agosto trasladarase á Tafona, tamén un espazo cunha grande capacidade e boa accesibilidade.

O tenente de alcalde explica que a intención do concello era manter a toda costa o escenario acuático do Umia que tan bos resultados deu o ano pasado pero que, debido ao axustado dos prazos para a execución do Proxecto de Restauración Integral do Parque Xardín e da Carballeira de Caldas e á necesidade de axilizar o inicio das obras ao máximo posible tivemos que trasladar estes concertos a outro punto da vila. Unha decisión tomada dende a responsabilidade que permitirá a Caldas disfrutar dunhas grandes festas máis descentralizadas durante este 2025.

Por outra banda, a Carballeira será o espazo escollido para celebrar a Feira Tradicional na primeira fin de semana de agosto. Fariña explica que este evento, ten unha montaxe moito máis sinxela polo que malia que nun principio tamén se valorou o traslado á Tafona, foi posible reubicalo de novo no Parque Xardín e a Carballeira.  Na noite entre o 16 e o 17 de agosto a veciñanza e visitantes poderán contemplar dende os lugares habituais o espectáculo pirotécnico.  

“Imos ter unhas festas espectaculares. A calidade do programa, que daremos a coñecer en breve, é de primeiro nivel. Así que só queda animar para gozar este verán na nosa vila cos nosos seres queridos”, sentenza Fariña.

Caldas repartirá os concertos da festas de verán en dous escenarios