Caldas de Reis súmase ao Festival Atlántica con dous espectáculos de narración oral no Xardín Botánico

Manule Fariña
Manule Fariña
Caldas de Reis súmase ao Festival Atlántica con dous espectáculos de narración oral no Xardín Botánico

Caldas de Reis será este verán unha das sedes do Festival Atlántica, o prestixioso encontro internacional de narración oral que cada ano percorre Galicia e Portugal con contos, historias e palabras que atravesan fronteiras. O municipio acollerá dúas funcións gratuítas, abertas a todos os públicos, no entorno privilexiado do Malecón do Xardín Botánico.

A primeira cita será o mércores 2 de xullo ás 21.00 h, co espectáculo “Fare le corna” do narrador Simone Negrín, unha proposta para público adulto en galego e castelán que mestura tradición oral italiana e galega con humor, identidade e moita retranca.

A segunda función chegará o venres 4 de xullo ás 11.00 h, da man do artista aragonés Oswaldo Pai, que presentará “Artiloxios”, un espectáculo dirixido a público infantil (+8 anos), adolescente e adulto, en castelán, cunha chea de cachivaches, imaxinación e contacontos que fan sorrir e pensar ao mesmo tempo.

“O Festival Atlántica é unha referencia da cultura viva e comunitaria, e é unha honra que Caldas participe por segundo ano consecutivo como sede. Queremos seguir convertendo espazos naturais e urbanos en escenarios de encontro, palabra e imaxinación”, sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña.

“Este tipo de eventos proxectan a imaxe de Caldas de Reis como un concello aberto ao mundo, orgulloso da súa identidade e da súa paisaxe, pero tamén disposto a dialogar con outras culturas desde a palabra. O Festival Atlántica non só nos trae espectáculos de calidade: dálle voz á memoria, á emoción e á diversidade, que son os alicerces dunha cultura con raíces e con futuro”, engade Fariña.

Ambas funcións terán lugar no Parque-Xardín de Caldas de Reis, e a entrada será libre ata completar aforo.

Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello cunha programación cultural diversa, atractiva e dinámica, na que a narración oral volve ocupar un lugar de honra como vehículo de expresión, memoria e celebración colectiva.

Caldas de Reis súmase ao Festival Atlántica con dous espectáculos de narración oral no Xardín Botánico