Caldas de Reis, seleccionada pola Federación Española de Atletismo para acoller o Campionato Estatal Trail Running Absoluto, Sub-23 e Máster
Caldas, 5 de xuño de 2025. Caldas de Reis acaba de ser designada sede do Campionato Estatal Trail Running Absoluto, Sub-23 e Máster para vindeiro ano. A Federación Española de Atletismo vén de confirmar oficialmente que, por decisión do seu consello directivo, a vila termal acollerá por vez primeira vez na Galiza esta proba estatal o 15 de marzo de 2026. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña subliña que a elección de Caldas demostra que o municipio é “perfecto” para grandes probas de montaña “tanto pola súa orografía natural, pola súa capacidade, así como pola aposta polo deporte e vontade de colaboración do Concello”.
Fariña explica que o ‘Trail Laxe dos Bolos’, a proba que acollerá o campionato estatal, está a ter unha proxección “vertixinosa”. Lembra que na súa primeira edición, hai apenas un ano, reuniu centos de participantes, na segunda anualidade –este 2025 e como proba do Campionato Galego- duplicou a súa participación. No 2026, ante a decisión da Federación, subirá o nivel ata converterse na proba que dará acubillo ao Campionato Absoluto, válida para formar parte da selección estatal, polo que atraerá as e os mellores corredores de montaña de todo o estado. Será a primeira vez que esta carreira se celebrará na Galiza.
A organización e a montaxe da proba, da man da Federación Española e da Federación Galega, contará co respaldo total do Concello, que quere converter Caldas nun referente absoluto dentro do mundo do ‘trail running’. Fariña subliña que para un municipio do tamaño da vila termal acoller unha proba de rango estatal con milleiros de deportistas é un reto “no que imos poñer todo o noso empeño”. Destacou, en calquera caso, que o éxito “está garantido”, xa que outras citas como o Campionato esttal de Raid celebrado hai menos dun mes, con Caldas como epicentro, xa amosaron a solvencia da localidade.
“Temos unha grande potencia que hai que aproveitar. Dispoñemos dunha contorna espectacular cunha orografía natural privilexiada. Ademais, dende o Concello apostamos firmemente polo deporte non só como modo de promocionar un estilo de vida activo, senón tamén como motor de desenvolvemento económico”, apunta Fariña, quen sinala que eventos como esta nova proba estatal atraerán visitantes, darán visibilidade e promocionarán o municipio entre públicos moi diversos.
A falta de confirmar os itinerarios por parte das federacións, o ‘Trail Laxe dos Bolos’ na súa versión Campionato Estatal 2026 contará con varias modalidades e medrará ata superar os 43 quilómetros e un desnivel positivo de mais 2.300 metros, unindo percorridos polo Xiabre e o Monte de Santa María. Ademais, haberá tamén unha proba para iniciar á rapazada no mundo das carreiras de montaña.