Caldas de Reis acolle este sábado 21 de xuño a proxección do documental A loita final, sobre a oposición social ao macroproxecto de Altri en Galiza
Caldas, 19 de xuño de 2025. Caldas de Reis converterase este sábado 21 de xuño nun punto de encontro entre a cultura audiovisual e o compromiso coa defensa do territorio. O Auditorio Municipal acollerá a proxección do documental "A loita final", unha obra que recolle o conflito social e ambiental xerado polo proxecto de instalación dunha megafactoría contaminante para a fabricación de celulosa por parte da multinacional Altri no municipio lucense de Palas de Rei.
A iniciativa está promovida pola Concellaría de Cultura de Caldas de Reis, e contará coa presenza de Mabel Rivera, quen ademais de ser unha das actrices máis recoñecidas do audiovisual galego, é tamén a responsable da produción e documentación do documental. Xunto a ela, participará no coloquio posterior parte do equipo do proxecto, encabezado polo director Enrique Banet.
“A loita final non é só unha denuncia, senón un exercicio de memoria e de dignidade colectiva. É un filme que nos interpela como sociedade e que nos lembra que o futuro do país constrúese co compromiso das súas xentes. En Caldas queremos poñer o foco tamén nas loitas que definen o noso tempo, e esta é, sen dúbida, unha delas”, sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña.
“Proxectar este documental no noso auditorio é unha maneira de sumar voz e conciencia desde o eido local. Galicia está vivindo un momento decisivo no que os modelos económicos e ambientais están en disputa, e cremos que a cultura debe ter un papel activo nese debate”, engade Fariña.