CHEO TOTAL NAS PROBAS DE RAID, TAEKWONDO E CICLISMO

Caldas, concello amigo do deporte

Caldas, concello amigo do deporte

Caldas, 13 de maio de 2025. O Concello de Caldas de Reis consolidouse a pasada fin de semana unha vez máis como epicentro deportivo en Galiza ao albergar o Campionato estatal de Raid xunto cunha xornada de tecnificación da Selección Galega de Turismo Junior. A vila vibrou coa enerxía das e dos deportistas, as equipas técnicas, as familias e as os afeccionados ao deporte, creando un ambiente moi participativo que deixou pegada. “Somos un concello amigo do deporte, co que unha vez máis enchemos as nosas rúas, os nosos equipamentos e os nosos espazos naturais. O impacto foi espectacular”, subliñou o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, quen destacou que máis de 1.000 deportistas e tamén milleiros de acompañantes tiveron como sede a vila de Caldas. 

O Campionato de España de Raid atraeu a competidores (42 equipos da península) que demostraron a súa habilidade e resistencia nun evento que puxo a proba os seus límites nunha contorna natural espectacular como o monte do Xiabre ou a fervenza de Segade, onde as equipas tiveron que descender facendo rápel con manobras moi vistosas. A entrega de premios e a xornada aberta de orientación fixeron tamén que o centro urbano se enchera de persoas afeccionadas ao raid. 

Ademais, a xornada de tecnificación da Selección Galega de Turismo Junior masculina ofreceu a 20 novos talentos a oportunidade de circular bastantes quilómetros polas estradas de Caldas baixo a tutela do responsable técnico da Federación Jacobo Ucha co fin de preparar próximas probas competitivas, entre elas o Campionato de  Galicia Junior que se celebrará a finais de xullo. A xornada comezou o domingo pola mañá cun circuíto e pechou pola tarde co intercambio de experiencias nunha charla cos exciclistas Álex Márquez e Samuel Blanco.

No caso do campionato escolar provincial de Taekwondo, organizado da man do club deportivo ‘Número Phi’, o movemento de rapazada entre cinco e 16 anos “foi impresionante”. “Encheron o pavillón e amosáronnos todo o potencial que teñen nas modalidades de técnica, exhibición e freestyle. Son a nosa canteira e está claro que hai promesas que apuntan alto”, subliñou o Tenente de Alcalde Manuel Fariña.

O tamén responsable de Deportes expresou a súa satisfacción polo éxito destes eventos, tanto da proba estatal, da competición escolar, coma do entreno da selección galega: “Estamos encantadas de poder participar na organización do Campionato de España de Raid, no campionato provincial de taekwondo e de acoller a xornada de tecnificación da Selección Galega de Turismo Junior no noso concello. Estes eventos, que van dende a base á elite, non só promoven o deporte e a actividade física, senón que tamén poñen de relevo o noso potencial turístico e deportivo. Agradecemos a todas as e os participantes, organizadores e voluntarias o seu compromiso e esforzo para facer desta fin de semana unha experiencia inesquecible”.

A realización de ambos os eventos foi valorada como un gran impulso para o deporte local e unha magnífica oportunidade para mostrar as instalacións e a contorna natural que ofrece Caldas para o turismo activo. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña destaca que a intención do Concello é seguir traballando na promoción de eventos deportivos que fomenten o turismo e a participación cidadá, co obxectivo de seguir posicionando Caldas como un destino preferente e un referente para o deporte en Galicia.

Caldas, concello amigo do deporte