Caldas celebrará este domingo a súa IV Carreira de Orientación con máis de 270 persoas percorrendo os montes de Santa María

Caldas, carreira de orientación
Caldas, carreira de orientación
Caldas celebrará este domingo a súa IV Carreira de Orientación con máis de 270 persoas percorrendo os montes de Santa María

Caldas, 2 de maio de 2025. Caldas de Reis vai celebrar o domingo 4 de maio a súa IV Carreira de Orientación, con máis de 270 persoas inscritas percorrendo os montes de Santa María. Nesta ocasión, segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes Manuel Fariña, a competición estrearase na modalidade ‘Rogaine’, na que a estratexia será fundamental porque os controis terán diferentes puntuacións segundo a súa dificultade. O nacionalista augura unha xornada “moi intensa e divertida tanto para deportistas como para as familias”.

As persoas participantes estarán divididas en tres categorías, e poderán concorrer de maneira individual ou por grupos (de ata catro persoas por equipo). ‘Xestiñas’ será o grupo organizado para crianzas, cunha proba sinxela física e tecnicamente de escasos quilómetros que sairá ás 11 da mañá; ‘xestas’ será a categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e tamén lonxitude media; e ‘xesteiras’, para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto, que será a de maior dificultade e lonxitude. Todas as persoas participantes en cada categoría sairán xuntas. 

Debido a que a competición se estrea na modadlidade ‘Rogaine’, haberá unha charla inicial para todas as persoas participantes na que se explicarán as normas para o desenvolvemento da actividade. A organización considera “fundamental” asistir a esta explicación para poder realizar a carreira correctamente. 

O obxectivo da carreira, coma sempre, será conseguir o maior número de puntos percorrendo as balizas, que terán diferente puntuación en función da dificultade, polo que a estratexia marcada antes do inicio da proba será chave para acadar un bo resultado. 

A participación nesta actividade organizada polo Concello de Caldas é de balde. Só se precisa ter formalizado a inscrición correctamente e levar roupa e calzado deportivo cómodo para camiñar e correr polo monte. A organización proporcionará o mapa, o compás e a tarxeta ou pinza que indicará que se pica cada baliza.

O responsable de Deportes do Concello de Caldas, Manuel Fariña, destaca que antes de celebrarse a carreira xa se pode definir como un éxito pola súa alta participación. O nacionalista destaca que o goberno local acertou ao apostar pola celebración deste tipo de modalidades deportivas en auxe xa que “achegan moita xente a Caldas e dan a coñecer a nosa vila e a nosa contorna natural xerando consumo na hostalería”. Subliña Fariña que, ademais, “dá gusto ver que é unha actividade interxeracional, porque temos apuntadas familias enteiras”.

Caldas celebrará este domingo a súa IV Carreira de Orientación con máis de 270 persoas percorrendo os montes de Santa María