Caldas celebra o 125 anos aniversario da Fábrica da Luz con visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo para a rapazada

Caldas celebra o 125 anos aniversario da Fábrica da Luz con visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo para a rapazada

O Concello de Caldas de Reis, da man da Concellería de Cultura, vai celebrar o 125 aniversario da Fábrica da Luz con visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo sobre a vella central hidráulica para a rapazada. Inicialmente, neste primeiro trimestre do ano, as visitas estarán dirixidas a escolares e despois ampliaranse para público adulto con diferentes funcións. 

Segundo explica o Tenente de Alcalde e responsable de Cultura Manuel Fariña, a intención é a redescubrir o espazo “desta xoia do patrimonio caldense” de maneira diferente. Por iso faranse visitas dramatizadas pola parcela que contarán a historia dos diferentes edificios, nas que tamén se percorrerá a canle-túnel que conducía a auga dende a parte de arriba da fervenza de Segade ata a propia central eléctrica onde estaba a sala de máquinas coas turbinas. O obxectivo é que o público poida vivir en primeira persoa e de maneira interactiva e amena o avance que supuxo a central como acontecemento histórico. 

Nos vindeiros días comezarán os contactos cos centros de ensino do municipio para que a rapazada sexa a primeira en acceder ás visitas teatralizadas. Os pases organizaranse e coordinaranse directamente dende o departamento municipal, que asignará días e horas. Unha vez rematen as citas escolares, nas seguintes semanas abrirase o espectáculo ao público adulto. 

Como complemento a estas visitas dramatizadas, o Concello vén de editar un libro divulgativo destinado a nenas e nenos. Nel explícase de maneira amena que a Fábrica da Luz de Caldas foi a primeira en producir enerxía en Galiza e iso fixo que dende a vila termal “saíse por vez primeira a luz que iluminaba casas e rúas de moitos lugares do país, ademais de ser fonte de progreso e desenvolvemento para o municipio, permitindo poñer en marcha moitas iniciativas”. 

Na publicación ponse de manifesto que a idea da central hidráulica xurdiu do enxeñeiro Laureano Salgado, chamado o “rei dos saltos de auga‟, quen tivo a idea de aproveitar o caudal do río para producir electricidade. Subliña o nacionalista que o Concello quere poñer en valor entre públicos de todas as idades un patrimonio propio da vila que foi referente da industria do século pasado e pioneiro no estado. “Toda esta historia querémola dar a coñecer dende a concellería de Cultura tamén no pequeno libro que as nenas e nenos de Caldas terán en breve nas súas mans para facer ver como grandes ideas poden cambiar o futuro”, subliña Fariña. 

O Concello repartirá en total 1.000 exemplares da publicación entre os colexios do municipio. De haber máis demanda, subliña Fariña, non se descarta facer unha nova edición. 

Caldas celebra o 125 anos aniversario da Fábrica da Luz con visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo para a rapazada