Caldas aproba o cambio de usos de 3.800 m2 da bolsa de terreos municipais das Corticeiras para ampliar a zona deportiva do campo de fútbol
Caldas, 20 de marzo de 2026. Caldas de Reis aprobou en Pleno, o cambio de uso de aproximadamente 3.800 metros cadrados da bolsa de terreos municipais das Corticeiras para destinalos á ampliación do espazo deportivo do campo de fútbol e á creación dunha nova zona verde. O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que este trámite burocrático supón o “pistoletazo de saída” para reorganizar e mellorar a zona cun proxecto que supera os 224.000 euros.
Fariña explica que o cambio de usos para construír o novo espazo deportivo é necesario xa que nestes momentos a totalidade dos terreos, que están moi degradados, estaba reservada para a ampliación da depuradora. Dado que se trataba dunha extensión excesivamente ampla para ese fin, o tenente de alcalde optou por redistribuír os espazos e aproveitar parte da superficie para atender a histórica demanda do equipo de fútbol.
A modificación da actividade autorizada para ese solo ten todos os informes municipais favorables, quedando certificado que aínda queda espazo suficiente para, a medio prazo, poder facer as obras de ampliación na EDAR. A empresa explotadora da estación, de feito, subliña que os metros cadrados que se manteñen na bolsa de terreos municipal para incrementar a capacidade de tratamento do equipamento son axeitados.
Unha vez que o Concello de Caldas teña pechado o trámite administrativo do cambio de usos, poderá iniciar a licitación dos traballos de construción do novo espazo deportivo e da zona verde. A intención é crear unhas novas instalacións que permitan tanto á base como ao equipo principal adestrar e realizar outras actividades fóra do campo principal.
A actuación consistirá en reformar unha superficie total de 3.824 metros cadrados. Máis da metade, 2.014 metros cadrados, destinaranse á creación dun espazo polideportivo auxiliar ao campo de fútbol. O resto do terreo, 1.810 metros cadrados, que agora mesmo está cheo de entullos, maleza e presenta un grande desnivel, será obxecto dunha mellora ambiental.
Segundo explica Fariña, o Concello de Caldas quere aproveitar a necesidade do equipamento para converter a zona nun novo espazo público confortable, limpo e amable para as veciñas e os veciños. A nova zona verde, subliña, estará na contorna do Umia comunicando o actual paseo fluvial coa futura zona polideportiva de As Corticeiras, de forma que se poderá acceder ás novas instalacións camiñando dende a vila.
O orzamento total será de 224.348 euros, e financiarase tanto con fondos propios municipais como coa axuda do III Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, cuxa achega xa está confirmada.