SÁBADO 2 DE AGOSTO DE 11 A 22 H. NO MERCADO
Boa Vida e o Concello de Pontevedra organizan a segunda ‘Feira vintage de roupa ao peso’ para promover o consumo consciente e a inclusión social
Pontevedra, 30 de xullo de 2025. O Concello de Pontevedra, en colaboración coa asociación Boa Vida, vén de anunciar a celebración da segunda ‘Feira vintage de roupa ao peso’, iniciativa que procura fomentar o consumo sostíbel, a reutilización téxtil e apoiar proxectos de inclusión social na cidade. O evento terá lugar o vindeiro 2 de agosto no Mercado, en horario sen interrupcións de 11.00 a 20.00 horas.
A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou a iniciativa xunto con Clara Setti, xerente de Vivir do Traballo, empresa vinculada á asociación Boa Vida. A edil destacou a importancia desta proposta, que xa tivo un precedente exitoso no mercado municipal hai uns meses coa organización da primeira feira vintage.
“Esta iniciativa é necesaria por dous motivos principais, en primeiro lugar, porque nos concienciamos da importancia de reaproveitar e reciclar as prendas na industria téxtil, intentando frear o consumo rápido e apostando pola reutilización de recursos, e o segundo motivo é que é unha iniciativa solidaria”, afirmou a concelleira Anabel Gulías.
Os fondos recadados coa venda da roupa destínanse a financiar a asociación Boa Vida, que ten unha longa traxectoria no concello e que “axuda á inclusión e, sobre todo, fai fincapé na necesidade de traballar en sociedades máis abertas, coa multiculturalidade, xa que boa parte das persoas coas que traballan son migrantes”.
A concelleira fixo un convite público a todas as persoas a “facer unha merca consciente e solidaria porque, ademais de renovar armarios, estamos contribuíndo a unha Pontevedra máis xusta”.
Pola súa banda, Setti explicou que esta segunda feira está baseada no éxito da primeira edición, celebrada en maio, onde se venderon máis de 200 quilogramos de roupa ao peso. A novidade de pesar a roupa nunha balanza e que a xente poida adquirir pezas en moi bo estado desde 50 céntimos ou 80 céntimos foi moi ben acollida.
Os prezos oscilarán entre 7 € e 25 € o quilo de roupa. Como novidade, tamén haberá un percheiro con prendas novas con etiquetas e de marcas recoñecidas. Ademais, proxectaranse vídeos sobre o impacto da industria téxtil no planeta para aumentar a concienciación.
A variedade de roupa dispoñible será ampla, con máis de 300 kg de prendas seleccionadas unha a unha por un equipo de 11 persoas. Incluirá roupa para home, muller e nenos, desde pezas máis comúns ata pezas vintage, con distintas cores, saias, roupa de verán, fulares e tamén calzado a moi bo prezo.
Clara tamén destacou o traballo continuo de Boa Vida, lembrando aos veciños e veciñas de Pontevedra que a través da asociación é posíbel doar roupa, calzado e xoguetes, dándolles unha segunda vida. A asociación ofrece recollidas a domicilio, facilitando que a xente non só se achegue ás súas tendas, senón que poida solicitar o servizo por teléfono.