O BNG reivindica que "Galiza pode ser un gran país para vivir, traballar e realizar os soños" cun goberno nacionalista

Acto previo ao Día da Patria Galega en Pontevedra
Acto previo ao Día da Patria Galega en Pontevedra
O BNG reivindica que "Galiza pode ser un gran país para vivir, traballar e realizar os soños" cun goberno nacionalista

Pontevedra, 20 de xullo de 2026. O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado en Pontevedra un acto previo ao Día da Patria Galega no que fixo un chamamento á participación masiva na manifestación nacional do vindeiro 25 de xullo en Compostela baixo o lema ‘Somos unha nación. Soberanía e dereitos nun mundo de paz’. No encontro participaron o deputado no Parlamento de Galiza Luís Bará e a responsable local do BNG, Sabela Bará, que defenderon a necesidade de que Galiza conte con máis capacidade de decisión para construír un país "máis xusto, con máis oportunidades e con máis benestar".

O parlamentario nacionalista realizou un amplo percorrido pola historia do nacionalismo galego, desde o Rexurdimento e Rosalía de Castro ata Castelao, Alexandre Bóveda e a resistencia ao franquismo, reivindicando a memoria democrática como unha ferramenta para construír o futuro. Bará denunciou o avance das posicións reaccionarias e centralizadoras e advertiu do perigo da manipulación da memoria histórica, criticando especialmente as posicións da dereita sobre o franquismo e a democracia. Tamén cargou contra a "violencia, o militarismo e a guerra" que se están a normalizar no escenario internacional.

"Non podemos permitir que a violencia, o militarismo e a guerra se impoñan como a única linguaxe posible. Rebelámonos contra esa maneira de entender o mundo e proclamamos paz e liberdade para todos os pobos da Terra", afirmou, ao tempo que tamén rexeitou "a Europa xenófoba e insolidaria que ergue valados fronte ás persoas que foxen das guerras e da miseria". O deputado fixo fincapé en que o nacionalismo galego representa unha alternativa baseada na solidariedade, na igualdade e na defensa dos servizos públicos, afastándose dos discursos do odio e da confrontación.

A parte central da intervención de Bará estivo dedicada a explicar o modelo de país que propón o BNG e os motivos polos que aspira a gobernar Galiza. O deputado asegurou que o nacionalismo quere gobernar "para recuperar a liberdade e poñela ao servizo das causas xustas, para darlle esperanza, prosperidade e benestar ao noso pobo", defendendo que Galiza conta con recursos suficientes para converterse "nun gran país para vivir, para traballar e para realizar os soños".

Segundo explicou, o principal obstáculo é que esa riqueza "está sendo aproveitada por intereses alleos coa complicidade dun Goberno do PP que renuncia a defender Galiza". "Temos un enorme potencial no mar, no monte, no vento ou na auga, pero esa riqueza está sendo roubada mentres o PP actúa como unha xestoría dos intereses das grandes empresas e do capital foráneo", denunciou.

Por iso, insistiu en que o país necesita "romper co centralismo e coa dependencia" e avanzar cara a unha maior soberanía. "Precisamos capacidade de decisión e vontade política para poñela ao servizo da maioría social, para mellorar a vida da xente e construír un país con máis oportunidades, máis equidade e máis benestar", afirmou. Luís Bará explicou que o BNG non pretende acceder ao Goberno "para que todo siga igual nin para facer cambios cosméticos", senón para transformar profundamente Galiza.

Entre as prioridades sinalou a construción duns servizos públicos fortes, cunha sanidade, unha educación e un sistema público de coidados de calidade; unha política de vivenda que garanta o acceso como un dereito e non como un negocio especulativo; a planificación equilibrada do territorio; a protección ambiental; e a defensa da lingua e da cultura galegas.

"Queremos gobernar atendendo ao ben común e poñendo en primeiro lugar a quen máis precisa do público. A equidade é a nosa bandeira e non imos renunciar a ela", asegurou. Tamén reivindicou unha Galiza "plural, diversa, feminista e libre de violencia, discriminación e odio", así como un modelo de desenvolvemento sostible que ordene o territorio e protexa o país fronte aos incendios forestais e á degradación ambiental.

Finalmente, Bará animou á cidadanía a participar na manifestación nacional do Día da Patria e fixo un chamamento a afrontar os próximos retos electorais "con ilusión, confianza e ambición". "O futuro non está escrito. É unha páxina en branco que temos que escribir con ideas propias e coa convicción de que Galiza ten capacidade para gobernarse a si mesma e ofrecer unha vida mellor á súa xente", concluíu.

A encargada de abrir o acto foi Sabela Bará, quen asegurou que o Día da Patria representa "un momento para reivindicar o dereito de todos os pobos a vivir en paz e en igualdade" e destacou o compromiso de milleiros de persoas que traballan cada día por facer un país mellor.

"Vivimos tempos complexos, nos que moitas veces pesa a desesperanza. Pero fronte ao odio e á violencia, nós reivindicamos o dereito a vivir en paz de todos os pobos do mundo. É tamén o momento de recoñecer a todas esas persoas que, coa súa militancia e compromiso diario, loitan para deixar ás xeracións futuras unha sociedade máis xusta", sinalou antes de presentar a Luís Bará como "un referente dese traballo militante incansable".

DISCURSO DE LUÍS BARÁ

GALERÍA DE IMAXES

O BNG reivindica que "Galiza pode ser un gran país para vivir, traballar e realizar os soños" cun goberno nacionalista