BNG e PSOE chegan a un acordo que cambiará o rumbo de Caldas
Logo de meses de traballo e negociación arredor das 10 propostas realizadas polo BNG para a aprobación do orzamento do 2020, o pasado luns 9 de marzo tivo lugar a aprobación inicial do documento económico de cabeceira para o Concello de Caldas de Reis.
Un proxecto económico que cambiará o rumbo do Concello para facer de Caldas un concello medioambientalmente sostible, que mellorará o mantemento dos equipamentos e dos servizos públicos.
Deste xeito, o acordo para a aprobación dos orzamentos prevé unha fortísima inversión para avanzar con determinación na expansión da rede de saneamento no rural, así como tamén permitirá a compra das parcelas para a ampliación do IES Aquis Celenis. Asemade, tamén se avanzará no tratamento dos residuos con unha ambiciosa aposta pola compostaxe, que persigue a redución da pegada climática do noso concello.
Como non podía ser doutra maneira, o BNG estará vixiante e realizará un seguimento diario deste acordo para garantir o seu estrito cumprimento, o que traerá consigo importantes melloras na calidade de vida das veciñas e veciños de Caldas.
Acordo BNG-PSOE
- O Concello de Caldas de Reis solicitará á Deputación de Pontevedra a súa inclusión na segunda fase do Plan Revitaliza na vindeira convocatoria. Seguirase avanzando na xestión dos RSU apostando pola compostaxe.
- Crearase unha cuadrilla con persoal contratado con cargo á liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a limpeza e roza dos viais municipais que permitan dúas pasadas anuais de rozadora
- Realizarase unha revisión anual do estado dos parques infantís desenvolvendo as tarefas de mantemento correspondentes. No casco urbán as revisións realizaranse cada semestre.
- Convocarase neste ano 2020 o concurso para a xestión da piscina e ximnasio municipais, e revisarase tamén a situación da Escola Infantil e o servizo de axuda no fogar.
- Asinarase dun convenio coa USC para que a súa Estación de Hidrobioloxía realice un estudo sobre a incidencia das cianobacterias no proceso de potabilización da auga no caso concreto de Caldas de Reis.
- Aprobarase unha modificación de crédito suficiente para a compra dos terreos destinados á ampliación do IES Aquis Celenis.
- As bases para a concesión de subvencións a entidades culturais e deportivas atenderán a criterios obxectivos e transparentes.
- No ano 2020 conxelaranse as taxas e impostos municipais.
- Promoverase prezos reducidos do Festival Portamérica para a veciñanza de Caldas.
- De acordo á dispoñibilidade orzamentaria, impulsarase o plan de saneamento coa seguinte programación inicial:
2020
San Clemente: Igrexa de Faramentáns Bemil: Paradela (1a fase)
Saiar: Igrexa
Rúa Real
Depuradora Tibo Depuradora Fieitoso
2021
Bemil: Paradela (2a fase)
Saiar: Cardín-Paraimas
Godos: Regengo
Santa María: Tibo-Pazo-Igrexa Santa María Carracedo: Gorgullón
2022
Bemil: Paradela (3a fase) Saiar: Soutelo-Gundiñáns San Clemente: Ribocias Arcos: Penalta, Valsordo Godos: Santa Catalina-Currás
2023
Saiar: Carballal
San Clemente: Casaldrago
Arcos: Arousa
Godos: Coto de Arriba – Coto de Abaixo Saiar-Godos: Calvelos – Calcote
Un PP desnortado, falto de propostas e que nin sequera estudou os orzamentos
As críticas do Partido Popular ao orzamento non só reflexan que este é un bo orzamento para Caldas, senón que tamén poñen de manifesto que o PP nin estudou o orzamento municipal nin fixo unha soa proposta para a súa inclusión no orzamento.
Así pois, a pesares de ter máis tempo do que nunca tivo a oposición municipal para estudar o orzamento, permítense o luxo de enviar unha nota de prensa chea de mentiras, xa que practicamente todas as obras que segundo o PP non se realizarán si están recollidas no acordo para a aprobación dos orzamentos. Tamén demostra o absoluto descoñecemento da lexislación aprobada pola súa forza política, que obriga a dotar economicamente todas as prazas de persoal recollidas na RPT aínda que estas non estean cubertas (o que provoca o aumento da partida de persoal).
Parece evidente que este estado de nerviosismo do Partido Popular se debe máis ao nerviosismo provocado polas súas nefastas expectativas eleitorais. Na práctica, están a poñer de manifesto que as 10 propostas do BNG para a aprobación dos orzamentos municipais, e que o PSOE asumiu na súa totalidade, son propostas moi beneficiosas para Caldas, xa que supoñen a mellora dos servizos públicos e por tanto a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños e avanzan cara un Caldas medioambientalmente sostible.