O BNG propón o tratamento en terra dos lodos da dragaxe do Lérez

DRAGAXE RÍA1
O BNG propón o tratamento en terra dos lodos da dragaxe do Lérez

Pontevedra, 5 de outubro de 2020. A Xunta de Galiza, a través de Portos de Galicia, iniciou en 2011 a tramitación dun proxecto para a dragaxe e rexeneración da bancos marisqueiros no río Lérez e do fondo da ría de Pontevedra, nun treito de aproximadamente 4,3 km entre o Clube Naval e Os Praceres.

Despois de case 10 anos de tramitación, o proxecto aínda non se fixo realidade. A finais do ano 2016, o daquela Presidente de Portos de Galicia reuniuse co alcalde de Pontevedra e cos portavoces dos grupos municipais para informalos das características do proxecto e dos prazos estimados para a súa realización. Naquela xuntanza, o responsábel de Portos informou da previsión de licitación do proxecto a comezos de 2018. 

En xaneiro de 2017, o DOG publicou o anteproxecto da dragaxe e o estudo de impacto ambiental e abriuse o período de exposición pública para a presentación de alegacións. En relación co impacto ambiental das obras, as confrarías manifestaron a súa discrepancia coa previsión de depositar máis de 221.000 toneladas de sedimentos ao oeste da illa de Tambo e nos bancos marisqueiros entre Campelo e Combarro. Demandaron a modificación desta parte do proxecto, de maneira que os sedimentos se depositasen en mar aberto, fóra das augas da ría de Pontevedra. 

No mes de abril de 2019, Portos de Galiza anunciou a intención de cambiar a zona de vertido dos depósitos, trasladándoa ao exterior da ría. Mais non houbo noticias sobre a modificación do proxecto, sobre o orzamento e sobre o prazo para levalo a cabo. A comezos de xuño de 2019, Portos fixo pública a través dun medio de comunicación a intención de trasladar os depósitos a un punto de vertido situado na ría de Arousa, nas proximidades da illa de Sálvora, proposta que suscitou o rexeitamento unánime do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa. 

No mesmo mes de xuño de 2019, o parlamento de Galiza aprobou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á elaboración, conforme a normativa vixente e ás directrices existentes respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á ría de Arousa. 

A proposta ten como finalidade desbloquear o proxecto paralizado desde 2017 e dar cumprimento ao acordo do pleno do parlamento de xuño de 2019

Malia este acordo, tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguiron defendendo publicamente a proposta de depositar os lodos na ría de Arousa e desbotaron a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custo e pola incidencia do tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra. A este respecto, a presidenta de Portos falou da necesidade de que 4.000 camións pasen polo centro de Pontevedra e a conselleira elevou a cifra a 11.000. 

Para o BNG é imprescindíbel que o goberno galego, e polo tanto a consellaría do Mar e Portos de Galicia cumpran o referido acordo parlamentario. A única vía para conseguilo é modificar o proxecto e incluir o tratamento en terra dos lodos que pola súa composición e potencial risco non poderán ser depositados en ningunha das rías galegas.

Para o deputado do BNG Luís Bará “mudaron os tempos e o mar non pode seguir sendo considerado un vertedoiro que reciba todo tipo de residuos. Polo tanto a solución lóxica e sustentábel, ainda que sexa máis cara, é trasladar os lodos a terra e tratalos por un xestor autorizado”.

Por este motivo, o BNG rexistrou un conxunto de iniciativas parlamentarias. Por unha parte, o deputado nacionalista Luís Bará presentou unha proposición non de lei coa seguinte proposta de  acordo:

“O Parlamento insta á Xunta de Galiza a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptíbeis de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría.” 

 

Preguntas para resposta do goberno

Ademais, o BNG presentou as seguintes preguntas para que sexan respondidas polo goberno galego

  • Que medidas levou a cabo a Xunta de Galiza para o cumprimento do acordo parlamentario do mes de xuño de 2019, relativo ao depósito dos lodos procedentes da dragaxe do río Lérez?
  • Considera a Xunta de Galiza a posibilidade de darlle unha solución diferenciada aos materiais areosos, susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría, e os lodos que poidan conter elementos contaminantes ou prexudiciais para o medio mariño?
  • Considerou a Xunta de Galiza a posibilidade de retirar e tratar en terra os lodos da canle do río Lérez? 
  • Mantivo contactos co goberno municipal de Pontevedra sobre a viabilidade desta proposta? 
O BNG propón o tratamento en terra dos lodos da dragaxe do Lérez