O BNG presenta outras 200 alegacións veciñais máis contra á Variante de Caldas

Presentación alegacións variante de Caldas
Presentación alegacións variante de Caldas
O BNG presenta outras 200 alegacións veciñais máis contra á Variante de Caldas

Caldas, 2 de setembro de 2025. O voceiro do BNG en Caldas, Manuel Fariña, presentou hoxe unha segunda remesa de alegacións contra a Variante de Caldas con outros 200 escritos da veciñanza. En total o BNG recolleu e entregou na Subdelegación de Goberno preto de 1.000 alegacións das veciñas e veciños da vila termal que rexeitan a alternativa proposta polo Ministerio de Fomento. O nacionalista asegura que, no caso de que se amplíe o prazo de entrega para alegar, aínda se acumularán máis escritos en contra da estrada tal e como a propón o goberno central.

Fariña insiste en que  é necesario converter a Variante nunha avenida ‘branda’ e liberar a AP-9 entre Caldas e Carracedo para solucionar os problemas de tráfico na vila, e descartar a alternativa proposta polo Ministerio de Fomento que afecta os lugares de Godos e Bemil porque non supón ningunha mellora para a mobilidade no municipio nin tampouco para o acceso ao Porto de Vilagarcía.

As alegacións do Bloque, xunto coas presentadas hoxe, advirten de que os trazados (especialmente a alternativa NC-1a) dividirían as parroquias de Godos e Bemil en dúas zonas sen apenas pasos de conexión, xerando unha ruptura da comunidade e afastando a poboación das contornas urbanas de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. 

Segundo Fariña, a prioridade da nova Variante de Caldas debe ser resolver o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano de Caldas de Reis, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais de As Veigas de Almorzar e O Pousadoiro, así como das empresas de referencia da comarca (Clavo, Finsa, Extrugasa, Urovesa, entre outras). 

Para iso, o nacionalista defende que a única alternativa válida é unha Variante de Caldas de carácter brando e tráfico calmado que funcione como un anel viario de circunvalación. En paralelo, o BNG destaca que debe liberarse de peaxe a AP-9 no tramo Caldas– Carracedo (alternativas AP-9 1 e AP-9 2). 

O BNG presenta outras 200 alegacións veciñais máis contra á Variante de Caldas