O BNG pon a maquinaria a punto para agrandar a alternativa ao PP e facer realidade o desexo de cambio galego
O deputado nacionalista por Pontevedra Luís Bará reuniuse hoxe con responsábeis locais do BNG para fixar as prioridades dun curso marcado pola convocatoria das eleccións galegas
Pontevedra, 7 de setembro de 2023. O deputado nacionalista Luís Bará reuniuse hoxe con responsabeis locais do BNG dos concellos da comarca Pontevedra-Caldas para coordinar as liñas de traballo e prioridades do novo curso político que vén de comezar. Un curso que está marcado por un fito de grande relevancia como é o da convocatoria das eleccións galegas en 2024: “Unhas eleccións que son -segundo Luís Bará- unha oportunidade histórica para o cambio galego, nun goberno que pode estar por primeira vez dirixido por unha muller, Ana Pontón”.
Por esta razón, o BNG quere poñer toda a maquinaría a punto tanto no plano organizativo como no institucional, para segundo afirmou Bará, “pasar páxina dos gobernos do PP e abrir un tempo novo na Xunta de Galiza”.
Unha das claves para este reto vai ser a coordinación entre o ámbito local e o do parlamento galego, para que a cámara sexa a caixa de resonancia dos problemas e demandas da cidadanía en materias como a situación dos servizos públicos (sanidade, educación, coidados), a crise económica e social derivada da suba dos prezos, a defensa dos sectores produtivos, a emerxencia ambiental ou a axenda feminista.
Luís Bará: “O BNG intensificará o diálogo con todos os sectores da sociedade para fortalecer a agrandar a alternativa ao PP e abrir un novo tempo en Galiza”
Nos vindeiros meses o BNG vai despregar un intenso traballo social, abrindo cales de diálogo con diferentes sectores, para trasladar ao parlamento propostas en positivo que melloren a vida das galegas e galegos e que dean resposta ás demandas da comarca de Pontevedra. Neste sentido, Bará afirmou que “O BNG intensificará o diálogo con todos os sectores da sociedade para fortalecer a agrandar a alternativa ao PP”.
Prioridades do novo curso
O deputado Luís Bará sinalou que o inicio do novo curso estará marcado por catro grandes prioridades: 1) medidas para facerlle fronte aos custos extraordinarios do curso escolar máis caro da historia; 2) demandas de mellora na sanidade pública, para reverter os recortes da Xunta do PP; 3) alternativas ambientais en materia de cambio climático, seca ou enerxía, e 4) iniciativas sobre investimentos pendentes na comarca de Pontevedra.
A primeira estará centrada nas medidas de resposta á crise económica derivada da suba de prezos, que afecta dunha maneira moi severa a miles de persoas, con especial intensidade no inicio dun curso escolar no que as familias teñen que facer fronte a gastos extraordinarios que poden acadar unha media de 400 euros por cada neno ou nena contabilizando tanto libros de texto como material escolar. Neste sentido, o BNG ten previsto reunirse coas ANPAS, para tratar esta situación e recoller as demandas que teñen que ver coas necesidades do ensino público.
A segunda das liñas prioritarias de actuación ten que ver coa defensa da sanidade pública, con propostas para reverter os recortes na atención primaria e para dotar de persoal médico e de pediatría os centros de saúde da comarca, moitos deles nunha situación límite por unha carencia crónica de persoal. Neste contexto, o BNG tamén prestará especial atención á situación das urxencias hospitalarias e ao futuro do Hospital Provincial.
O terceiro ámbito prioritario é o ambiental, co seguimento dos problemas relacionados co cambio climático e a seca, iniciativas para a saída de ENCE da ría de Pontevedra, ou unha campaña para demostrar que hai alternativa a un plan eólico da Xunta que destrúe o medio e ameaza o futuro da maior parte dos concellos da nosa zona.
Por último, o BNG desenvolverá unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta o desenvolvemento de investimentos en infraestruturas e servizos que son demandas históricas e levan moito tempo adiadas, como é o caso da dragaxe do Lérez; a mellora das redes de abastecemento, saneamento e depuración de auga; o traslado das instalacións que ten a Xunta na Xunqueira do Alba, a construción e rehabilitación de vivenda; ou a mellora da seguridade e a mobilidade na rede autonómica de estradas na comarca. Neste sentido, a reunión de hoxe tamén serviu para ir programando o traballo en relación cos orzamentos da Xunta para 2023.