O PLENO ABORDOU TAMÉN A MACROCELULOSA DE ALTRI E A VÍA VERDE SOUTOMAIOR-PONTEVEDRA
O BNG pide ao Goberno do Estado que non incaute os remanentes dos concellos para financiar o gasto militar
O BNG pediu no pleno da deputación celebrado o 25 de abril que o Goberno Central que non incaute os remanentes dos concellos para financiar o incremento do gasto militar estatal. Así o solicitou o voceiro do Bloque César Mosquera na súa intervención defendendo que as entidades locais poidan empregar o seu superávit en investimentos, servizos e gasto corrente en lugar de entregarllo ao Estado.
O nacionalista considera “inadmisible” e un “disparate” que os concellos e entidades locais que teñen aforros non teñan autorización para gastalos nos proxectos que ben consideren. “Francamente é difícil de entender. Isto non sucede con ningunha outra administración. Téñennos aferrollados (...), é unha tortura porque nos están a estrangular. (...) É moi sensato pedir que nos deixen utilizalos porque a administración local é a máis áxil proxectando e gastando”, indicou Mosquera, argumentando que o investimento dos remanentes non supón ningún tipo de inestabilidade para as arcas municipais.
O nacionalista lembrou que a normativa que impide o gasto dos remanentes aos concellos é de 2012, impulsada por un goberno do PP, pero subliñou que houbo tempo para tela modificado, algo que non se fixo ata o de agora por parte do PSOE, segundo dixo, porque se sinte “cómodo” coa lexislación vixente xa que lle permite ter máis fondos a disposición. “Pase quen pase polo goberno estamos fastidiados”, afeou, lembrando que se a Deputación puidera empregar eses fondos, por exemplo, poderíase poñer en marcha outro Plan Extraordinario.
Mosquera tamén puxo sobre a mesa a dúbida transcendental de se nestes momentos o executivo de Pedro Sánchez está a agardar polos remanentes locais “para intentar chimpárnolos para financiar o gasto militar, algo co que o PP tamén está de acordo. (...) A ver se o remanente non nolo van cepillar para máis bombas”, dixo preocupado. Con estas cavilacións, lembrou que o BNG rexeita o aumento do gasto militar porque considera que a compra de máis armamento leva consigo unha espiral de tensión e de confrontación que actúa sempre nun sentido negativo e perigoso.
Manobras estrañas con Altri
No relativo a Altri, Mosquera foi tallante na postura contraria do BNG á macrocelulosa. Manifestou a súa satisfacción polo cambio de parecer do PSOE, que agora está tamén en contra da factoría, e puxo en dúbida cal sería realmente o posicionamento socialista de non terse rexeitado dende Madrid as posibles axudas europeas.
O voceiro subliñou que Pontevedra “ten historia” no relativo ás celulosas. “Sempre sucede o mesmo: cando o PP estaba na oposición en Madrid estaba en contra de Celulosas aquí, pero despois foi o maior valedor. Co PSOE sucedeu o mesmo: estaba nas manifestacións a favor de Ence e despois estaba en contra. Recoñezo a todas as forzas políticas a posibilidade de cambiar de criterio e felicítoas de chegar á esa conclusión sobre Ence ou Altri. Nós tivémolo sempre claro, dende hai moitos anos hai unha liña de actuación”, dixo.
Mosquera tamén falou de “manobras estrañas”. Criticou que a Xunta defenda os informes ambientais que avalan a instalación de Altri como se fosen transparentes cando no caso de Ence o goberno galego estaba disposto a dar informes positivos coa condición de que fose o propio executivo o que repartise os cartos do Plan Social da pasteira. “Cumpre ou non cumpre? Se non cumpre non haberá que darlle o informe ambiental. Se pon dous ou tres millóns si –cumpre-? A ver! Xa peiteamos canas! Crernos as teorías da xestión independente, a certos niveis si, pero con estes temas...”, reflexionou.
O voceiro do BNG lembrou tamén que Altri está a xustificar a súa planta de celulosas coa fábrica de fibras téxtiles como quixo facer Ence na ría de Pontevedra no ano 2002 anunciando unha planta de tisú á que ía destinar unha parte da súa produción total de pasta. “A famosa planta de papel tisú de Georgia Pacific da que nunca se volveu escoitar falar”, dixo Mosquera ironicamente. Rematou a súa intervención cun sonoro “ALTRI NON!”.
Vía Verde
O BNG da Deputación votou a favor da proposta para que a Deputación lidere a creación dunha Vía Verde das Rías Baixas entre Pontevedra e Soutomaior. Lembrou Mosquera que a primeira idea desta infraestrutura partiu do deputado nacionalista Luís Bará e do Bloque de Soutomaior, quen fixeron trámites ante diferentes administracións.
O voceiro nacionalista subliñou que se a Deputación lidera a creación facilitaranse moitos trámites que os concellos implicados non poderían arranxar por si mesmos –como por exemplo as expropiacións- xa que ten os instrumentos para abordar proxectos supramunicipais de grande complexidade.
Destacou, en calquera caso, que nestes momentos a información que manexa o Concello de Pontevedra é que a cesión da vía sería de tipo temporal, non definitiva, e que non se desafectaría para o uso ferroviario, xa que ese treito tería que reservarse para o transporte de mercadorías por esixencias da Unión Europea. “Todos estes condicionantes significan que non se pode facer? Non”, dixo Mosquera, que engadiu que a moción só debe ser o inicio para que as administracións implicadas se poñan a traballar: “Por parte do BNG e do Concello de Pontevedra vai haber toda a colaboración porque pode ser viable”, finalizou.