O BNG de Moraña lamenta, censura e condena a declaración de loito oficial do concello, no que se inclúe o respeto a un maltratador sistemático
Moraña, 11 de xuño de 2025. O Concello de Moraña, ante a confirmación oficial de que os corpos que apareceron calcinados no concello de Campo Lameiro pertencen a dous veciños do concello, vén de decretar tres días de loito oficial, suspendendo os actos públicos organizados desde a institución e ondeando a media asta as bandeiras nos edificios públicos.
Para o BNG esta declaración de loito é indignante e profundamente inapropiada, xa que se está a equiparar o respecto dunha muller maltratada co respecto do seu maltratador sistemático, recoñecido como tal por sentenzas xudiciais e sobre o que pesaba unha orde de entrada no cárcere por maltratos contra mulleres.
Esta declaración de loito oficial, na que se pon ao mesmo nivel a maltratada e maltratador, é unha mensaxe absolutamente errónea e perigosa á sociedade en xeral, e pretende invisibilizar á verdadeira vítima, Marisol. Dar dende unha institución honras e compaixóns institucionais a un agresor machista é un paso atrás de xigante na loita contra a violencia machista dunha institución pública que debe comprometerse na erradicación da mesma.
Pola contra o PP de Moraña, que obstenta a responsabilidade de goberno en Moraña, dá un grave paso atrás e pon a unha muller maltratada á altura do seu maltratador, desvirtuando o concepto de loito institucional e sabendo, ademáis, que a principal liña de investigación que se está levando a cabo ante a aparición dos dous cadáveres calcinados é que estamos ante un novo e terríbel asasinato machista.
As institucións deben estar sempre coas vítimas. É Intolerable, indignante, insoportable e inxusto que desde unha institución se lance unha mensaxe de respeto a un maltratador, e se promovan condolencias sentidas.
O BNG esixe ao goberno do PP de Moraña unha inmediata rectificación e lanzar as mensaxes de condolencias e de respecto sentido só cara a nosa veciña Marisol Costa, quen foi unha vítima máis da noxenta violencia machista.