O BNG leva ao Parlamento Galego o rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres

Luís Bará-19-03-22--3000 px
Luís Bará
O BNG leva ao Parlamento Galego o rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres

O BNG rexistrou, por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, varias iniciativas parlamentarias para a mellora do saneamento da ría de Pontevedra entre as que cabe sinalar a mellora da rede separativa nos concellos que verten á depuradora, o estudo da construción de novas depuradoras en Poio e Marín, e o control dos vertidos do Porto de Marín á rede de saneamento.

Segundo Bará, a Xunta de Galiza adxudicou en xullo de 2016 o Plan de saneamento local á UTE formada por EPTISA e IDOM por máis de 1,2 millóns de euros e un prazo de execución de 3 anos. “A día de hoxe, os concellos e as entidades relacionadas coa ría e co ámbito do plan non teñen coñecemento do documento. Así e todo, nos últimos meses, a Xunta de Galiza fixo públicas diferentes actuacións incluídas neste Plan, como a renovación da depuradora dos Praceres, a ampliación desta instalación ou a construción dun novo emisario submarino”.

Para o deputado nacionalista, “Así como a obra de mellora do proceso depurativo da EDAR, cun orzamento de 16 millóns de euros, conta co acordo unánime de todos os sectores e institucións, a ampliación da depuradora é obxecto dun rexeitamento maioritario tanto na parroquia de Lourizán como no concello de Pontevedra”.

Bará pide que se mellore a rede separativa e que se estude a construción de novas depuradoras nos concellos que non teñen

Este rexeitamento manifestouse de maneira rotunda no acordo unánime do Pleno do concello de Pontevedra do pasado 9 de outubro de 2018:

"O Pleno do Concello rexeita a ampliación da actual EDAR dos Praceres e esixe das administracións competentes a exclusión, no Plano de saneamento da Ría de

Pontevedra, de calquera proposta que contemple a indicada ampliación".

Malia este rexeitamento, a Xunta de Galiza anunciou a súa intención de seguir adiante co proxecto, do que non se coñece nada máis que unhas infografías.

O BNG considera necesario que se analicen outras alternativas como a mellora da rede separativa, para reducir drasticamente a cantidade de augas da chuvia que entran aos colectores, e a construción de novas depuradoras.

Ademais, Bará fai referencia á importancia do control dos vertidos procedentes do porto de Marín, impedindo que se vertan directamente á rede de saneamento materiais procedentes dos procesos de limpeza e tratamento de peixe.

Por todos estes motivos, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei

O parlamento insta á Xunta de Galiza a

  • Facer público o Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra, que debería estar rematado en xullo de 2019
  • Levar a cabo a obra de mellora do proceso depurativo da EDAR dos Praceres, actualmente en tramitación.
  • Desbotar a ampliación da depuradora dos Praceres, polo forte impacto na contorna e porque existen outras alternativas que se poden levar a cabo como a mellora da rede separativa nos concellos que verten a esta instalación ou a construción doutras depuradoras na ría de Pontevedra.
  • Adoptar as medidas necesarias para controlar os vertidos do Porto de Marín á rede de saneamento.

 

Preguntas parlamentarias

Ademais da proposición non de lei, o BNG tamén rexistrou as seguintes preguntas parlamentarias:

  • Está rematado o Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, contratado á UTE formada por EPTISA e IDOM en xullo de 2016?
  • Cando ten previsto a Xunta de Galiza facer público o Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra?
  • Contempla a Xunta de Galiza a necesidade de construir novas depuradoras na ría de Pontevedra?
  • Que medidas considera necesario desenvolver para a mellora da rede separativa nos concellos que verten á depuradora dos Praceres?
  • Que medidas prevé adoptar a Xunta de Galiza en relación cos vertidos procedentes do Porto de Marín?

 

O BNG leva ao Parlamento Galego o rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres