O BNG leva ao Parlamento Galego a demanda do servizo de pediatría para Moraña e Cuntis

moraña-pediatra2
O BNG leva ao Parlamento Galego a demanda do servizo de pediatría para Moraña e Cuntis

O BNG leva tempo recollendo a preocupación de pacientes e profesionais pola política de recortes que vén practicando a Xunta do PP na sanidade pública, e que nos últimos anos afectoulle dun xeito especialmente negativo á atención primaria. Recentemente, e coa excusa da pandemia da COVID 19, seguiron aplicándose estas medidas, e mesmo se agravaron coa implantación da atención telemática non como unha intervención extraordinaria e puntual senón como unha decisión permanente.

Estes recortes e redución de medios humanos e materiais estanse a padecer nos Centro de Saúde de Moraña e Cuntis, primeiramente amortizando prazas que existían e na actualidade non cubrindo o servizo de pediatría. 

Xa no ano 2018 o Sergas anunciaba que temporalmente o Servizo de Pediatría de Moraña e Cuntis quedaba suspendido. Daquela a presión e protesta veciñal fixo que o Sergas puxese un parche dotando unha profesional da sanidade para a praza de pediatría do Centro de Saúde de Moraña, compartida co concello veciño de Cuntis. 

Desde comezos do pasado mes de xuño suprimiuse esta atención pediátrica, de maneira que as crianzas pasaron a ser atendidas no centro de saúde de Caldas. Este feito deu lugar a novas protestas e mobilizacións, a última delas o pasado luns 29 de xuño en Moraña. 

Como resposta a esta presión social, o pasado 30 de xuño o xerente da área sanitaria mantivo unha xuntanza cos alcaldes de Cuntis e Moraña, nos que anunciou o desenvolvemento do programa “neno san”, un novo parche que só supón manter a atención correspondente a revisións e vacinacións. Posteriomente por vía non oficial trascendeu a posibilidade de que os centros de saúde de Moaña e Cuntis conten con atención  pediátrica só algúns días á semana.

Para o BNG estamos diante dun servizo sanitario fundamental, que é un dereito cidadán básico. Ademais, nos últimos tempos asistimos a campañas propagandísticas da Xunta sobre o apoio ao rural, mentres se retallan e eliminan servizos básicos para reter e atraer poboación como é o dunha boa atención sanitaria.

Bará denuncia que “o empeoramento do servizo de saúde pública, que lle afecta dun xeito especial á atención primaria e aos concellos do rural, ten ademais outro efecto perverso: o incremento da contratación de seguros privados e a derivación á privada de consultas, probas, analíticas, etc.”

Este emperoramento do servizo de saúde pública, que lle afecta dun xeito especial á atención primaria e aos concellos do rural, ten ademais outro efecto perverso: o incremento da contratación de seguros privados e a derivación á privada de consultas, probas, analíticas, etc.

Polo anteriormente exposto, o grupo parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei na que se insta ao goberno galego a cubrir de xeito permanente e na maior brevidade posíbel a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis.

A maiores formulou as seguintes perguntas:

  • Que medidas vai adoptar o goberno galego para cubrir de xeito permanente a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis?
  • Cando ten previsto a Xunta cubrir de maneira permanente esta praza?
  • Considera o goberno galego que esta falta de servizos sanitarios básicos inflúe na perda de atractivo e no declive das comarcas rurais do noso país?
  • Comparte o goberno galego a idea de que esta merma na atención pediátrica e noutras prestacións beneficia a sanidade privada?
  • Que medidas vai adoptar o goberno galego para cubrir de xeito permanente e con horario completo a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis?
O BNG leva ao Parlamento Galego a demanda do servizo de pediatría para Moraña e Cuntis