O BNG leva ao Parlamento a discriminación do alumnado de bacharelato de institutos de Pontevedra
Pontevedra, 23 de setembro de 2020. O BNG rexistrou no parlamento preguntas ao goberno sobre a situación de discriminación que sofre o alumnado de bacharelato de institutos de Pontevedra como é o caso do IES Sánchez Cantón e o IES Valle Inclán con respecto á maioría dos institutos de Galiza debido á redución de xornada establecida pola administración educativa, que supón que o estudantado deste nivel educativo vexa reducida a xornada lectiva de 32 a 15 horas semanais. Ademais, no caso do Sánchez Cantón a docencia será en horario de tarde, o que dificulta a conciliación con outras actividades educativas e deportivas.
Para Luís Bará, “esta situación de docencia semipresencial, que tamén se dá noutros institutos como o Valle Inclán, supón unha evidente desigualdade no acceso á educación e un grave prexuizo para a alumnado, que non vai dispoñer de atención educativa on line nas 17 horas restantes. E ademais, constitúe un evidente incumprimento da normativa vixente, que establece a docencia de 32 horas nos cursos de bacharelato”.
O deputado por Pontevedra Luís Bará pregunta ao goberno galego se avala unha medida discriminatoria e que incumpre a normativa vixente
Este feito ten unha maior relevancia neste nivel educativo, especialmente no segundo curso, xa que o estudantado ten que presentarse ás ABAU e a menor carga lectiva e redución da docencia presencial pode ter unha incidencia directa na preparación dunhas probas que son decisivas para o futuro.
Segundo o BNG, “a solución implantada pola administración educativa responde unicamente a un criterio de aforro económico: en lugar de facer desdobres e contratar máis profesorado, recórrese a solucións de ensino low cost como a semipresencialidade con horario reducido ou a colocación de mamparas”.
Ademais dos evidentes perxuizos para o alumnado que leva consigo esta medida, está a producir como efecto derivado perverso o trasvase de alumnado de bacharelao para centros privados da contorna.
Por este motivo, o grupo parlamentar do BNG presentou varias iniciativas parlamentares en forma de preguntas e unha proposición non de lei. Nas preguntas interpela ao goberno sobre se apoia e avala unha solución que supón a discriminación do alumnado destes centros con respecto aos demais centros educativos galegos, así como sobre a legalidade da medida implantada.
Polo que respecta á proposición non de lei o grupo nacionalista propón que se garanta a igualdade de oportunidades e as mesmas condicións lectivas para todo o estudantado, con medidas como a implantación de desdobres e a contratación de máis profesorado.