O BNG lanza unha ofensiva institucional para demandar estudo de impacto ambiental do proxecto mineiro Alberta I
Pontevedra a 3 de novembro de 2020. O BNG presentou hoxe iniciativas non Concellos e no Parlamento Galego en relación coa mina de litio Alberta I, que na súa primeira fase vai afectar directamente aos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e A Lama.
O BNG presentou mocións nos concellos afectados directamente na primeira fase, así como en Ponte Caldelas, Soutomaior, O Carballiño e Ribadavia, nas que demanda que o proxecto se “someta a avaliación de impacto ambiental e que se dea información á veciñanza por parte da Xunta e os Concellos” fronte ao escurantismo con que se está a tramitar.
En canto ao Parlamento Galego, o BNG presentou unha iniciativa solicitando que se pida un informe ao Instituto Xeolóxico Mineiro de España, que é preceptivo por Lei. Bará denunciou iregularidades na tramitación do proxecto polo “fraude de Lei que supón a división dun macro-proxecto en proxectos máis pequenos para eludir trámites ambientais e tamén porque se omita a preceptiva e necesaria declaración de impacto ambiental, que é obrigatoria polas características do proxecto”.
Hai que lembrar que a mina xerará grandes cantidades de augas ácidas (que deben ser tratadas), explotará minerais potencialmente radioactivos e ten riscos de afundimentos.Trátase dun tipo de explotación mineira con graves impactos negativos tanto na saúde das persoas, como na contaminación das augas (con posíbeis afeccións ás cuncas dos ríos Avia, Miño, Lérez e Verdugo) e sobre a paisaxe, por non falar do impacto que ocasionará o tránsito continuado de camións pesados.
O deputado do BNG, Luís Bará, denuncia que este tipo de proxectos supoñen o “espolio de grandes cantidades de recursos mineirais estratéxicos, que deixan grandes impactos negativos no territorio e levan os beneficios para fóra do noso país”.
Se algo está quedando claro, sentenciou Bará, é que, coa súa actitude, “a Xunta se está poñendo de parte da empresa e contra a veciñanza”.