O BNG insiste na necesidade dunha Vía Verde Pontevedra-Arcade
Luís Bará, acompañado polos portavoces municipais de Soutomaior -Manu Lourenzo- e Vilaboa -Ornela Fernández- presentou unha nova inciativa do BNG para converter a vella línea ferrea hoxe en desuso nunha vía verde que conecte Pontevedra e Arcade.
Luís Bará, acompañado polos portavoces municipais de Soutomaior -Manu Lourenzo- e Vilaboa -Ornela Fernández- presentou unha nova inciativa do BNG para converter a vella línea ferrea hoxe en desuso nunha vía verde que conecte Pontevedra e Arcade.
O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará lembra que na actualidade parte da vía férrea entre Arcade, á altura da ponte sobre o río Verdugo, e a estación de Pontevedra deixou de ter uso para o transporte ferroviario de pasaxeiros e mercadorías. Concretamente o treito entre Arcade e Figueirido comeza a presentar un estado de grave abandono e, nalgúns puntos, comeza a ser invadido pola maleza.
A transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestrutura de aproximadamente 10 quilómetros, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso. No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado do TAV. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado do Tren de Alta Velocidade.
Deste xeito conseguiriase unha nova infraestrutura con grandes potencialidades para:
- A mobilidade peonil e ciclista entre Arcade e Pontevedra, como alternativa segura, saudábel e sustentábel á do tráfico a motor; co desdobramento da avda. de Vigo permitiría chegar desde Arcade até o parque de Campolongo nun percorrido duns 10 quilómetros.
- O uso recriativo pola posibilidade de conectar con unha senda peonil a cidade de Pontevedra, o ENIL do río dos Gafos-Tomeza, as salinas de Vilaboa, a Illa da Insuíña, Ponte Sampaio e o paseo marítimo de Arcade.
- O uso turístico dunha vía verde de 10 quilómetros cun trazado paralelo ao camiño portugués a Compostela e que segue en grande parte do percorrido a traza da Vía Romana XIX.
A transformación da vía férrea en vía verde tería un custo non moi elevado e un impacto moi positivo para a mobilidade e para a promoción turística da comarca, pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa e cos que sería necesario e doado conectala:
- ENIL do río dos Gafos-Tomeza
- Vía Romana XIX e Camiño Portugués.
- Salinas de Vilaboa e CEPA da Enseada de San Simón.
- Illa Insuiña ou de Medal en Ponte Sampaio e Ponte medieval de Ponte Sampaio.
- Pontes do ferrocarril entre Arcade e Ponte Sampaio, fábrica da Pontesa, Illa do Castelo de Ponte Sampaio...
O BNG volve a insistir, dous anos despois, nesta demanda diante dun Ministerio, o de Fomento, que no seu momento, non amosou ningunha receptividade nin deu ningún paso adiante para facela efectiva.