REIVINDÍCASE MÁIS PERSOAL E CUBRIR A PRAZA DE PEDIATRA
O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para esixir á Xunta melloras no centro de saúde de Arcade
Soutomaior, 12 de abril de 2024. O BNG de Soutomaior vai comezar unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de esixir á Xunta que poña fin á política de recortes na sanidade pública de Soutomaior que leva anos a aplicar contra a veciñanza do noso concello. Este sábado 5 de abril a partir das 10:00, o BNG de Soutomaior instalará un punto de recollida de sinaturas na Alameda de Talo Río.
Neste sentido, no BNG de Soutomaior sinalan que "o noso concello leva anos a sufrir os continuos recortes da Xunta na nosa Atención Primaria, que teoricamente debería garantir os dereitos sanitarios dos máis de 7.500 veciños e veciñas do noso concello, pero que na práctica está a ser destruída sistematicamente polas políticas privatizadoras do PP na Xunta de Galicia, amparadas polo silencio cómplice do PP de Soutomaior e do anterior goberno municipal".
Soamente tres médic@s para atender a toda a poboación de Soutomaior, o que supón unha ratio de 2.500 habitantes por facultativ@. Un exemplo desta evidente política de recortes do PP na sanidade pública de Soutomaior é a situación no servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Arcade. Soutomaior leva agora mesmo máis de 500 días sen un ou unha pediatra que atenda ao case milleiro de nenos e nenas censadas no concello.
O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, sinalou directamente ao PP e á Xunta como únicos culpables da situación na que vive o centro de saúde de Arcade. “Fronte a un PP en Soutomaior e na Xunta instalado nos recortes e no silencio máis absolutos, no BNG estivemos e estaremos sempre a carón da veciñanza para loitar polos seus dereitos sanitarios”.
Costas subliñou o traballo realizado todos estes anos na rúa, no Concello e no Parlamento, así como que ese traballo se multiplicou coa chegada do BNG á alcaldía de Soutomaior. Por todo isto, animou á veciñanza de Soutomaior a achegarse este sábado a partir das 10:00 ao centro de saúde de Arcade para asinar a petición do BNG, co obxectivo de “non permitirlle ao PP que siga destruíndo a sanidade pública de toda a veciñanza de Soutomaior”.