O BNG inclúe unha dobre petición para solucionar o tráfico en Caldas nas súas alegacións á Variante: un novo anel viario arredor da vila e liberar o tramo Caldas-Carracedo da AP-9

Manuel Fariña presentando alegacións á variante de Caldas
Manuel Fariña presentando alegacións á variante de Caldas
O BNG inclúe unha dobre petición para solucionar o tráfico en Caldas nas súas alegacións á Variante: un novo anel viario arredor da vila e liberar o tramo Caldas-Carracedo da AP-9

O BNG de Caldas presentou as súas alegacións á Variante de Caldas esixindo que o Ministerio de Fomento, ademais de crear unha avenida ‘branda’ coa prioridade de solucionar os problemas de tráfico do centro urbano, libere de peaxe o tramo da AP-9 entre Caldas e Carracedo. O Bloque defende que esa liberalización da autoestrada permitirá aliviar aínda máis a conxestión da circulación que a vila termal sofre de maneira crónica.

O voceiro local Manuel Fariña, no texto entregado na Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra, destaca que a prioridade da nova Variante de Caldas debe ser resolver o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano de Caldas de Reis, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais de As Veigas de Almorzar e O Pousadoiro, así como das empresas de referencia da comarca.

Para iso, o nacionalista defende que a a única alternativa válida é a dunha Variante de Caldas de carácter brando e tráfico calmado, é dicir, unha avenida, que conecte Tivo con As Veigas de  Almorzar cun trazado igual ou moi semellante á alternativa NC-1b recollida no estudo Informativo.

Segundo Fariña, o trazado da alternativa NC-1b permite completar un anel viario arredor de Caldas, liberando ao núcleo urbano de tráficos alleos, mellorar a accesibilidade aos polígonos industriais locais, reforzando a competitividade económica do concello, dispoñer dunha “variante branda” perfectamente compatible cun deseño de estrada con velocidade moderada e integración urbana, e reducir os niveis de accidentalidade e conxestión na ponte da Ferrería sobre o río Umia.

En paralelo, o BNG destaca que debe considerarse a liberalización do peaxe da AP-9 no tramo Caldas– Carracedo (alternativas AP-9 1 e AP-9 2). Fariña salienta que se trata do único tramo da AP-9 no que se debe pagar por circular integramente nun único termo municipal, o que considera unha circunstancia inxusta e discriminatoria para a veciñanza. “Esta medida complementaria suporía unha alternativa eficaz e inmediata, reducindo tráfico de paso innecesario polo centro urbano e mellorando a conectividade do territorio”, engade.

Ademais de todas estas consideracións o Bloque subliña que debe desbotarse calquera trazado vinculado ao acceso directo ao porto de Vilagarcía de Arousa (especialmente a alternativa NC-1a), por ser innecesario e non responder aos obxectivos de mellora da mobilidade, así como calquera alternativa que afecte ás parroquias de Bemil e Godos, por supoñer unha ruptura social e territorial inasumible e un factor de despoboamento rural.

Segundo Fariña, a proposta actual do Ministerio non supón mellora significativa na conexión do Porto coa AP-9. Destaca que o tempo actual de viaxe entre o enlace de Baión e a AP-9 é de aproximadamente 5 minutos, e as variantes propostas só reducirían este tempo en arredor dun minuto, unha diferenza totalmente insuficiente para xustificar o elevado custo económico e o impacto ambiental e social que suporía a obra.

A saída natural do porto de Vilagarcıía, engade o voceiro nacionalista, é cara ao sur. “A solución lóxica e xa contemplada pola propia Xunta de Galiza no seu día é unha autovía Baión–Curro, proxecto paralizado polo goberno do PP e nunca executado. Esa é a infraestrutura que realmente permitiría unha mellora substancial das comunicacións de Vilagarcía co sur de Galiza e coa meseta”.

Como base de todo anterior, o Bloque defende que debe descartarse totalmente calquera alternativa que afecte ás parroquias de Bemil e Godos, debido á súa gravísima repercusión social e medioambiental. Estes trazados dividirían as parroquias en dúas zonas sen apenas pasos de conexión, xerando unha ruptura da comunidade e afastando a poboación dos entornos urbanos de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. “As consecuencias serıán especialmente negativas para a cohesión social, para a mobilidade da veciñanza e para a conservación do territorio, ademais de contribuır, sen ningún xénero de dúbida, ao despoboamento dunha zona rural xa vulnerable”, di.

O BNG inclúe unha dobre petición para solucionar o tráfico en Caldas nas súas alegacións á Variante: un novo anel viario arredor da vila e liberar o tramo Caldas-Carracedo da AP-9